"Unha frauta chea de contos": concerto didáctico na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal

"Unha frauta chea de contos": concerto didáctico na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal
"Unha frauta chea de contos": concerto didáctico na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal

A actividade terá lugar o 27 de decembro ás 18.30h no salón de actos da Biblioteca e a entrada será libre ata completar a capacidade da sala

A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal presenta, no marco da iniciativa “Musicando na biblioteca”, un concerto didáctico de frauta traveseira baixo o título “Unha frauta chea de contos” a cargo de Luis Soto, quen xa en anos anteriores obtivo un gran éxito. A actividade terá lugar o 27 de decembro ás 18.30h no salón de actos da Biblioteca e a entrada será libre ata completar a capacidade da sala.

Os pequenos e pequenas poderán disfrutar dun conto falado e tocado, cunha parte didáctico- práctica na que o público infantil que se achegue á Biblioteca cun instrumento musical poderá participar activamente. O artista interpretará fragmentos de obras de Bach, Mozart, Beethoven, Vivaldi, Prokofiev e música do Nadal ademais de contos improvisados no momento. Como peche, tocará dúas pezas para frauta, violín e violoncello cos seus fillos, Lucas e Cecilia cos que forma o Trío do Acivro.

Luis Soto é profesor na Real Filharmonía de Galicia e ocupa o posto de Frauta-Frautín nesa mesma orquestra, onde tocou baixo as batutas de decenas de directores de gran prestixio asi como con solistas de renome internacional. Os seus mestres máis salientables foron Antonio Arias en Madrid, Pierre Dumail e Hubert de Villele en París e J.C.Gerard e Aurele Nicolet en Alemaña. A súa traxectoria artística abarca desde entón centos de concertos en todo o mundo, gravacións para a radio, televisión e discos –como a integral de Joaquín Rodrigo xunto co guitarrista Carles Trepat para o selo EMI Classics-, así como a impartición de cursos de formación e perfeccionamento a xóvenes de todas as idades. Entre os premios acadados por este artista destaca o Primeiro premio do Concurso Pierre Nerini e o Segundo premio no Lucien Wumser, ámbolos dous en París. Luis Soto é tamén un dos membros fundadores do Taller Atlántico Contemporáneo (TAC) e desenvolve, xunto a Diego García (piano), o proxecto GALICIA XXI no que interpretan o repertorio galego para estes dous instrumentos. 

"Musicando na Biblioteca" xurde da vontade de colaboración entre a Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal e institucións adicadas ao ensino musical. Nesta cooperación é fundamental o labor dos alumnos e dos seus profesores, que ofrecen a súa interpretación dun xeito xeneroso e desinteresado a todos os composteláns que queiran achegarse á Biblioteca para desfrutar coa música.

Comentarios