O estudo Galiat da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago recibe un premio da Agencia Española de Seguridad Alimentaria y Nutrición

O estudo Galiat da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago recibe un premio da Agencia Española de Seguridad Alimentaria y Nutrición
O estudo Galiat da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago recibe un premio da Agencia Española de Seguridad Alimentaria y Nutrición

O traballo de campo realizouse no centro de saúde de A Estrada e involucrou 250 familias (720 nenos e adultos) que durante 6 meses participaron nun programa de educación nutricional e gastronómica

A Axencia Española de Seguridad Alimentaria e Nutrición (AESAN) outorgou o primeiro accésit Estratexia NAOS, de especial recoñecemento no ámbito da alimentación e a nutrición, ao Grupo Clínico Galiat, da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago.

O estudo Galiat (Galicia Atlantic Diet) é un ensaio clínico de intervención nutricional, controlado e aleatorio, deseñado para avaliar o efecto sobre a adiposidade e o perfil metabólico dunha intervención nutricional con dieta tradicional atlántica en familias, realizada dende a Atención Primaria, cun enfoque comunitario.

O traballo de campo realizouse no centro de atención primaria da Estrada e involucrou a 250 familias (720 nenos e adultos) que foron asignadas aleatoriamente aos grupos de intervención (127 familias) e control (123 familias).

Durante 6 meses, as 127 familias do grupo de intervención participaron nun programa formado por catro sesións individuais de educación nutricional, alimentaria a gastronómica de 60 minutos de duración. Entregóuselles materiais de apoio con recomendacións nutricionais, planificación de menús , receitas calibradas e formación sobre precaucións culinarias. Durante os 6 meses da intervención tamén se lles subministraron gratuitamente e en cantidade suficiente alimentos característicos da dieta tradicional galega, que foron aportados polas empresas colaboradoras no estudo. As 123 familias restantes actuaron como grupo de control. Estas familias continuaron cos seus estilos de vida habituais até finalizar a súa participación no estudo. A todos os participantes (intervención e control) practicáronselles controis clínicos e analíticos na valoración basal (mes 0) aos tres menos es e na valoración final (6 meses)

O resultado mostra unha mellora da adiposidade e do perfil lipídico atribuíble á intervención. As conclusións indican que produciu un desprazamento de alimentos cara patróns máis saudables, reducíronse os niveis de colesterol e de colesterol LDL e que a maior diminución rexistrouse en mulleres e nenos. Tamén houbo unha significativa diminución do peso.

O equipo investigador do ensaio está integrado por profesionais da xerencia de Xestión Integrada de Santiago:María del Mar Calvo, do servizo de análise clínica; Juan Sánchez, xefe de servizo do CS da Estrada; Rosaura Leis, Coordinadora da Unidade de Gastroenteroloxía, Hepatoloxía e Nutrición Pediátrica; Francisco Gude, Epidemiólogo; e Alfonso Benítez, xefe do servizo de análise clínica.

Segundo a directora do proxecto e facultativa do laboratorio de análises clínicas da XXIS Mar Calvo, “Galiat é, principalmente, un ensaio clínico baseado na dieta atlántica, na nosa dieta galega, con produtos da terra, accesibles, adaptados á nosa cultura gastronómica. Pero é moito máis. Sobre o noso estudo tamén hai unha intervención sociolóxica. Para o seu desenvolvemento, implicamos a toda a sociedade da Estrada, ás familias, por suposto, pero tamén ás autoridades políticas, aos profesionais da Atención Primaria, aos comerciantes, restauradores, transportistas, aos docentes, aos empresarios... En certo modo, todos eles convertéronse en científicos voluntarios”.

O proxecto Galiat propón un cambio de paradigma para previr a obesidade e enfermidades asociadas, cun enfoque comunitario que involucre á familia, baseado nunha dieta congruente co patrimonio cultural e gastronómico da zona, ofrecendo educación nutricional individual e comunitaria e educación gastronómica, e realizado dende o marco da atención primaria.

O obxectivo deste ensaio clínico foi xerar acción para mellorar os hábitos alimentarios da comunidade e como consecuencia, o seu benestar. O estudo trata de xerar coñecemento para, a través do plan de saúde local, trasladar o coñecemento obtido na investigación á acción e o cambio en positivo dos hábitos alimentarios.

O estudo Galiat forma parte do proxecto entregado Galiat 6+7, no que seis organismos públicos de investigación e sete empresas de alimentación galegas selan unha unión estratéxica de I+D+i para estudar os recursos agroalimentarios e marinos de Galicia e os seus efectos sobre a saúde.

O proxecto tamén influíu no mundo empresarial galego “Galiat conseguiu o financiamento , por parte da UE de seis empresas colaboradoras que tiveron que abordar unha evolucion tecnolóxica para garantir que os seus produtos se adecuasen, baixo superivisión científica, ás demandas nutricionais e sanitarias que precisabamos”, indica Mar Calvo.

Comentarios