A Cámara de Comercio de Santiago e ABANCA conceden bolsas para a estancia de tres emprendedores no viveiro de empresas de Costa Vella

A Cámara de Comercio de Santiago e ABANCA conceden bolsas para a estancia de tres emprendedores no viveiro de empresas de Costa Vella
A Cámara de Comercio de Santiago e ABANCA conceden bolsas para a estancia de tres emprendedores no viveiro de empresas de Costa Vella

O acordo tamén ofrece condicións financeiras preferentes para as empresas da incubadora a través do Plan Activamos coas Deputacións galegas

A Cámara de Comercio de Santiago e ABANCA reafirmaron o seu compromiso co emprendemento coa sinatura dun convenio de colaboración. O acordo selouse en Compostela nun acto co presidente da Cámara de Comercio de Santiago, José Sierra, e o director de negocio institucional en Galicia, Asturias e León de ABANCA, Lino Comesaña.

Unha das primeiras accións que se realizarán grazas a este acordo será conceder bolsas para a metade da estancia de tres emprendedores durante un ano no viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Santiago, situado no polígono de Costa Vella.

Durante este tempo, os elixidos recibirán unha visión global das distintas áreas funcionais da empresa para poder determinar oportunidades de mercado e desenvolver un plan de empresa, con axuda das ferramentas de xestión necesarias e o asesoramento dos técnicos de creación de empresas da Cámara de Comercio. Trátase dunha completa proposta teórico-práctica que ten como obxectivo final poñer en marcha e garantir a viabilidade do proxecto empresarial.

O acto tamén serviu para prorrogar a colaboración das dúas entidades, un traballo conxunto que pon en valor as iniciativas desenvolvidas no último ano e que impulsa o apoio ao tecido produtivo da capital autonómica.

Ademais, ABANCA oferta a través do convenio unhas condicións financeiras preferentes para todos aqueles emprendedores que se atopen instalados na incubadora de empresas a través do Plan Activamos coas Deputacións galegas.

Poderán solicitar un préstamo para emprendedores, un préstamo para novos investimentos, un préstamo para actuacións de mellora da eficiencia enerxética na empresa, unha póliza de crédito de creación de empresas ou unha póliza de crédito para necesidades de circulante.

Comentarios
Lo más