A viaxe máxica dos Reis Magos chegou a Compostela

A viaxe máxica dos Reis Magos chegou a Compostela
A viaxe máxica dos Reis Magos chegou a Compostela

Os Reis Magos chegaron acompañados polos personaxes do conto de Lewis Carrol Alicia no país das marabillas

As rúas de Compostela acolleron a tradicional Cabalgata de Reis, que este ano se celebrou baixo o lema "A viaxe das marabillas". Máis de 450 figurantes, 160 deles persoas voluntarias, 25 agrupacións artísticas e seis carrozas integraron a comitiva de Melchor, Gaspar e Baltasar.

Os Reis Magos chegaron acompañados polos personaxes do conto de Lewis Carrol Alicia no país das marabillas: Alicia, o sombreireiro tolo, a raíña de corazóns, o coello... Eles ocuparon unha das seis carrozas do desfile, e as outras cinco estiveron reservadas para os tres Reis Magos, o carteiro real e as carboeiras.

Na Cabalgata participaron 25 agrupacións artísticas con espectáculos de diferentes temáticas, algúns deles deseñados para a ocasión. Entre as agrupacións estiveron escolas de danza como Mandala e Cancunquinqué, a Agrupación Ultreia, a Compañía Teatro Pavana ou a compañía Bambolea. Xunto a elas, do desfile formaron parte 160 persoas voluntarias, inscritas no seu día a través dun proceso aberto para formar parte dos combos, viaxar nos trens turísticos ou exercer de paxes reais.

Os Reis Magos chegaron á estación do ferrocarril, onde foron recibidos por músicos/as e paxes. Logo, a comitiva real percorreu as rúas de Compostela ata chegar dúas horas máis tarde á praza do Obradoiro. Alí esperábanos o alcalde e integrantes da Corporación municipal, que os acompañaron ao Salón Nobre de Raxoi, onde Melchor, Gaspar e Baltasar atenderon as peticións das nenas e nenos.

Para amenizar a espera no Obradoiro, houbo un espectáculo de música, danza e acrobacias aéreas con Pablo Méndez. Durante o seu percorrido polas rúas de Compostela, os Reis Magos repartiron 2.000 quilos de caramelos sen glute. 

Comentarios