Un membro do GES resulta ferido nun incendio en Ribadavia

Un membro do GES resulta ferido nun incendio en Ribadavia
Foto de arquivo
Un membro do GES resulta ferido nun incendio en Ribadavia

O incendio tivo lugar na Praza García Boente, ao fío das 23:55 horas

Un efectivo do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) resultou ferido a pasada noite mentres atallaba un incendio declarado nunha casa de tres andares en Ribadavia. Segundo informa o 112 Galicia, o membro do GES tivo que ser trasladado ao Complexo Hospitalario de Ourense ao sufrir un golpe nunha perna despois de quedar atrapado cando colapsou o teito da vivenda.

O incendio, que deixou importantes danos no tellado e tamén no faiado da casa, tivo lugar na Praza García Boente, ao fío das 23:55 horas.

Foi unha persoa particular quen contactou co 112 Galicia para alertar do lume e, decontado, os xestores do CIAE-112 pasaron o aviso aos Bombeiros do Carballiño, ao GES de Ribadavia, á Policía Local, á Garda Civil, a Protección Civil e ao 061-Urxencias Sanitarias.

Unha vez na vivenda, os servizos de emerxencia traballaron arreo nas labores de extinción do incendio, que quedou sufocado uns minutos despois das 3:00 horas.

Polo momento, descoñécense as causas que provocaron o lume.

Comentarios