O PP esíxelle a Compostela Aberta que defina unha alternativa viable para a nova Edar de Santiago e que acade a garantía para o seu financiamento

Foto de arquivo
O PP esíxelle a Compostela Aberta que defina unha alternativa viable para a nova Edar de Santiago e que acade a garantía para o seu financiamento

Os populares lembran que o Concello ten que demandar do Goberno central que, ante a perda de fondos europeos do programa operativo Feder 2014-2020 para a execución da nova estación depuradora, ofreza garantías xuridicamente esixibles para o financiamento do sistema de depuración da cidade

O grupo municipal Popular vén de presentar unha proposición para o vindeiro Pleno sobre a necesidade de que o Goberno de Compostela Aberta defina de forma urxente unha alternativa viable para a nova Edar de Santiago e que logre a garantía para o seu financiamento. Os Populares amosan a súa preocupación ante o que pode ser a perda de fondos europeos para o financiamento desta actuación tan necesaria e que se debe obter un compromiso de financiamento por parte do Estado, tendo en conta que xa pasou un ano desde que o Alcalde tomara a decisión unilateralmente de cambiar a ubicación desta instalación e segue sen mover un so papel.

Para o Grupo que dirixe Agustín Hernández o Goberno de Martiño Noriega debe dirixirse ao Ministerio para a Transición Ecolóxica, que é a Administración responsable de impulsar e executar a renovación do sistema de saneamento e depuración de Santiago, e á Xunta de Galicia, corresponsable no seu financiamento, para que en colaboración co Concello de Santiago definan o antes posible un plan de actuación que concrete unha alternativa viable desde o punto de vista ambiental, técnico e económico para garantir a calidade das augas do río Sar.

Os Populares lembran na súa proposición que o Concello, como administración responsable do saneamento e depuración municipal, ten que demandar do Goberno central que, ante o escenario posible de perda de fondos europeos do programa operativo Feder 2014-2020 para a execución da nova estación depuradora, ofreza garantías xuridicamente esixibles para o financiamento do sistema de depuración da cidade, declarado de interese xeral do Estado e, polo tanto, competencia directa do Goberno de España.

Así mesmo, o Partido Popular considera que o grupo de Martiño Noriega ha de demandar do Goberno galego que manteña o compromiso de cofinanciamento asumido coa EDAR e, en consecuencia, achegar o 20% do investimento do proxecto comprometido desde a Xunta.

O grupo municipal do PP considera que CA ten que solicitar do Goberno de España que os fondos europeos do programa operativo Feder 2014-2020, que non se poidan destinar a esta infraestrutura, se reasignen a outras obras importantes e imprescindibles nesta materia de Galicia.

Ao fío desta actuación, necesaria para garantir a calidade das augas do río Sar, o grupo municipal do Partido Popular acolleu con preocupación a información coñecida logo da reunión celebrada o pasado 18 de decembro en Madrid entre o Ministerio para a Transición Ecolóxica, a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago.

Nesa reunión trasladouse que, ante o rexeitamento do Goberno de CA ao proxecto previsto para a execución dunha nova depuradora no Souto, a alternativa proposta polo Concello de ampliar a estación actual da Silvouta suporía que a depuradora non poderá estar en servizo antes do ano 2027.

Este horizonte temporal fai inviable a execución do proxecto da nova depuradora da Silvouta con cargo aos fondos europeos do actual programa operativo Feder e supón demorar a solución ao problema de contaminación das augas do río Sar.

A normativa básica en materia de réxime local atribúelle aos concellos a competencia exclusiva en materia de abastecemento e saneamento dos seus sistemas municipais. Conforme aos principios de coordinación e colaboración administrativas, desde o Goberno galego vense prestando apoio aos municipios nesta materia, axudándoos técnica e financeiramente a desenvolver de xeito máis eficaz e eficiente as competencias que teñen reservadas en materia de subministración de auga, rede de sumidoiros e depuración.

Nesta mesma materia de depuración e en determinados supostos, tamén o Estado vén asumindo a responsabilidade de cooperar cos concellos nunha serie de obras que acorda declarar como de Interese Xeral. Así o fixo no ano 2001 coa renovación do sistema de saneamento e depuración de Santiago.

Nas actuacións declaradas de Interese Xeral do Estado, o financiamento é competencia directa do Goberno de España, aínda que tamén desde a Xunta se vén colaborando e cofinanciando este tipo de actuacións como se fixo, por exemplo, nos casos das depuradoras da Coruña, de Ferrol, de Lugo ou de Ourense. Neste sentido, é coñecido que o Goberno galego ten manifestado a súa vontade de colaboración na renovación do sistema de saneamento e depuración de Santiago, como se ten dito, declarado de interese xeral do Estado en Galicia.

Comentarios
Lo más