Unha nova sentenza impón o pago dunha indemnización á empresa Doal pola incorrecta adxudicación da ORA en 2012

Unha nova sentenza impón o pago dunha indemnización á empresa Doal pola incorrecta adxudicación da ORA en 2012
Unha nova sentenza impón o pago dunha indemnización á empresa Doal pola incorrecta adxudicación da ORA en 2012

O Xulgado do Contencioso Administrativo Número 2 vén de ditar unha sentenza pola que lle impón ao Concello de Santiago a obriga de indemnizar á empresa Doal pola incorrecta adxudicación do contrato para a xestión da ORA e do guindastre, no ano 2012

A sentenza coñecida onte impón o pago dunha indemnización a Doal de 620.000 euros. Desa cantidade, case 576.000 euros corresponden ao "lucro cesante", isto é, ao 6% do importe do contrato que no ano 2012 lle foi adxudicado de maneira irregular á empresa Setex Aparqui, malia a non cumprir o prego de condicións do concurso que sería anulado por sentenza xudicial en setembro de 2015.

A sentenza chega despois de que en abril de 2018 o xulgado recoñecera "a imposibilidade material de executar a sentenza ditada en maio de 2017 en canto á adxudicación do contrato a favor de Doal". O Concello abriu un procedemento de adxudicación para lle dar cumprimento a ese fallo, pero foi a propia empresa a que rexeitou asumir o contrato, tal e como propuxera a mesa de contratación correspondente. É en base a esa negativa polo que o Concello recorrerá a sentenza coñecida onte, mantendo que Doal non debera ser indemnizada.

Outras sentenzas

A sentenza pola incorrecta adxudicación do servizo da ORA e do guindastre en 2012 súmase a outros fallos con custos millonarios que o Concello de Santiago veu recibindo nos últimos anos. Entre eles destacan a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que obrigou a pagarlle 1,5 millóns de euros á empresa adxudicataria da construción do parque comarcal de bombeiros de Salgueiriños polo incumprimento dun acordo do ano 2008; as sentenzas polos erros na liquidación do transporte urbano do periodo 2007-2011, que custaron máis de 600.000 euros; ou a que fixou a devolución de máis de 400.000 euros polos custos de urbanización do SUP-11 do Castiñeiriño, paralizado en 2011. Ademais, o Concello ten solicitada a paralización do procedemento xudicial aberto pola reclamación que ten feito ADIF para que o Concello lle abone dez millóns de euros pola construción do viaduto de Cornes, polo incumprimento do convenio asinado ao respecto en 1998. 

Comentarios
Lo más