O programa "Numax na escola" achegará 38 filmes aos colexios e institutos

O programa "Numax na escola" achegará 38 filmes aos colexios e institutos

"Este programa busca achegar un amplo catálogo de filmes didácticos aos centros escolares que se adapten aos currículos e ás temáticas que se están traballando"

Os centros de infantil e primaria, así como os institutos de Compostela, terán a oportunidade de participar nunha actividade impulsada por Numax e o Concello na que gozarán de 38 películas de distinta temática. A acción foi presentada esta mañá pola concelleira de Igualdade, Marta Lois, e polo responsable da mesma, Xan Gómez, de Numax.

Tal e como indicou a concelleira de Igualdade, "este programa busca achegar un amplo catálogo de filmes didácticos aos centros escolares que se adapten aos currículos e ás temáticas que se están traballando". No caso dos centros de infantil e primaria seleccionáronse 5 películas dirixidas a maiores de 4 anos, 9 películas para maiores de 7 anos e 3 películas para nenos e nenas de máis de 10 anos, ofertando un total de 17 filmes.

Para os colexios de secundaria e bacharelato, a división das películas será en eixos temáticos, tratando cuestións como a educación en igualdade ou a arte e a literatura. "Así, os adolescentes e as adolescentes poderán aprender e reflexionar con películas moi interesantes como Tódalas mulleres que coñezo ou Sufraxistas, que de seguro axudarán a que as novas xeracións vaian tendo conciencia da importancia de loitar contra as violencias machistas e pola igualdade de xénero".

Pola sua banda, Xan Gómez sinalou que este programa segue a "liña de traballo fundamental que vimos impulsando, aproveitando a potencia que ten o cine como ferramenta educativa". O responsable da actividade lembrou "a calidade e o recoñecemento crítico deste catálogo de películas que, como todas na sala, proxectaremos en versión orixinal subtitulada". A axuda municipal permitirá sufragar a metade da entrada dos e das escolares, que só terá que abonar 2 euros.

Funcionamento do programa

Antes da sesión farase entrega ao profesorado de materiais didácticos (unidades didácticas, actividades, making off, trailers, etc.) que faciliten o traballo na aula antes e despois da sesión.

O día da sesión haberá unha presentación en sala do filme a cargo de persoal

especializado de Numax, dirixida a grupos dun mínimo de 50 e un máximo de 70 alumnos e alumnas. As sesións serán de luns a venres en sesión matinal, preferentemente de 10:00 a 12:00 horas.

Catálogo de filmes

Os nenos e nenas de entre 4 e 7 anos poderán gozar de películas como Neve e as árbores máxicas, Menudos heroes, Animaladas de cine, A sopa de pedras e outros contos do revés ou As aventuras de Toupiña. Para nenos e nenas de entre 7 e 10 anos, as películas son O malvado raposo feroz, O teito do mundo, A rebelión dos contos, O gran cara de pau, O neno e o mundo, De Charlot a Chaplin, A vida de Cabaciño, Aves de paso e As vacacións de Monsieur Hulot. A oferta para escolares de máis de 10 anos pasa por O Principiño, Phantom boy e Mary e a flor de bruxa.

No caso das películas para alumnado de secundaria, estruturouse o catálogo en base a eixos temáticos e valores transversais presentes nos currículos vixentes. Tódalas mulleres que coñezo, Sufraxistas e Girlhood son as opcións para a temática "Educación en igualdade". No eixo "Arte e literatura", proxectaranse Loving Vincent, O Principiño e Un saco de bólas. O bo mestre, En voz alta, A vida de Cabaciño e O león dorme esta noite son as elixidas para "Educación e crecemento". O cine mudo tamén ten cabida neste ciclo, concretamente baixo o paraugas de "Diversión sen palabras", con obras mestras como De Charlot a Chaplin, O gran cara de pau e As vacacións de Monsieur Hulot. A historia do presente e do cine son as últimas categorías deste programa, incluíndo películas como I am not your negro, O outro lado da esperanza, Karl Marx de mozo, Los hongos, Os 400 golpes, Ladrón de bicicletas, As uvas da ira ou O gran carnaval.

Comentarios