Rubén Cela considera unha “mala noticia” a indemnización de 620.000 euros a Doal derivada da “mala praxe de Compostela Aberta” por non executar a sentenza de 2015

Rubén Cela considera unha “mala noticia” a indemnización de 620.000 euros a Doal derivada da “mala praxe de Compostela Aberta” por non executar a sentenza de 2015
Foto de arquivo
Rubén Cela considera unha “mala noticia” a indemnización de 620.000 euros a Doal derivada da “mala praxe de Compostela Aberta” por non executar a sentenza de 2015

O Goberno de Compostela Aberta, en setembro de 2015, recibiu unha sentenza do TSXG “clarísima e rotunda” que declara nulo o contrato de Setex Aparki, mais non executou esa sentenza e prorrogoulle o contrato 10 veces

O concelleiro do BNG Rubén Cela realizou unha valoración sobre a sentenza xudicial que condena o Concello de Santiago a indemnizar a empresa Doal con máis de 620.000 euros mais os xuros por non terlle adxudicado en 2015 o servizo de ORA e de guindastre municipal “exclusivamente pola mala praxe de Compostela Aberta”. “É unha moi mala noticia para a veciñanza de Santiago”, dixo, “porque se en 2015 executasen aquela sentenza como reclamaba o BNG hoxe non habería que indemnizar esta empresa e, polo tanto, a responsabilidade única é do Goberno de Compostela Aberta”.

“Non nos colle por sorpresa, porque levamos tres anos dicindo que isto acabaría acontecendo”, sinalou Rubén Cela ao tempo que desmentiu algunhas das falsidades do grupo de Compostela Aberta “nestes tempos de posverdade e de fakenews”.

A primeira das cuestións que di Compostela Aberta é intentar imputar a gobernos anteriores a responsabilidade desta indemnización; é “unha absoluta falsidade e politicamente unha indecencia”, sinalou. A licitación da ORA e do guindastre municipal realizouse en 2011 e en 2015 recibiuse unha sentenza, que Compostela Aberta non executou, onde di que o único culpábel desta situación é a empresa Setex Aparki por “unha actitude neglixente” e di que nin a mesa de contratación nin a Xunta de Goberno teñen ningunha responsabilidade ao respecto porque hai unha empresa que mente ao respecto ao ofertar unha parcela de 3.000 m2 cando posteriormente hai unha denuncia da empresa que quedou segunda –Doal- que demostra en sede xudicial que iso era falso, polo que segundo o Xulgado é “responsabilidade única da empresa que comete falsidades na súa oferta”.

“O problema é que o Goberno de Compostela Aberta en setembro de 2015 recibe unha sentenza do TSXG clarísima e rotunda que declara nulo o contrato de Setex Aparki, mais Compostela Aberta non executa esa sentenza e se hoxe o Concello de Santiago ten que pagar máis de 600.000 euros do diñeiro dos impostos dos veciños e veciñas de Santiago a unha empresa por non facer nada é exclusivamente porque non quixo executar aquela sentenza”, afirmou.

Aludiu a que o BNG xa advertiu hai tres anos desta situación, de que había que executar a sentenza e declarar nulo o contrato con Setex Aparki porque non cumpría coas condicións que marcaba o prego e adxudicar á seguinte, que era Doal. Mais o Goberno local optou por manter a Setex Aparki mentres iniciaba o proceso de municipalización, pese ás advertencias do BNG de que ía ter consecuencias para as arcas públicas e mesmo chegou a propor que solicitasen unha aclaración de sentenza que Compostela Aberta non fixo. A iso súmase que Compostela Aberta prorrogou de xeito non legal 10 veces o contrato a Setex Aparki, pese a sentenza. “Non facía prórrogas, facía papeliños onde dicía que mantiña o servizo 3 meses máis, 3 meses máis e así até 10 veces”, explicou. A efectos prácticos, Compostela Aberta actuou como se non existise esa sentenza “e beneficiou inxustamente a empresa Setex Aparki que, a maiores, durante 2016 e 2017 ingresou cero euros ás arcas públicas en concepto de canon”.

A segunda mentira de Compostela Aberta é dicir que a empresa Doal renunciaba ao servizo. Deste xeito, Rubén Cela retou o grupo de goberno “a ensinar un papel onde a empresa Doal dixera que renunciaba á prestación do servizo”.

“No BNG non somos pitonisos, é unha forma de ridiculizar as posicións políticas das denuncias dun grupo político por parte do alcalde”, indicou, “cando sempre defendemos a remunicipación da ORA e do guindastre pero había que facelo ben e non se poderían mesturar a sentenza co modelo de prestación do servizo”. “Non se poden vulnerar os dereitos da segunda empresa, daquela había que adxudicarlle o contrato e despois iniciar o proceso de remunicipalización”, explicou.

Do mesmo xeito que era “unha barbaridade” que no proceso de municipalización do servizo, Compostela Aberta asumise os parquímetros como se fosen de propiedade municipal porque iso acabaría xudicializado, “porque mesmo llo advertiu o secretario do Concello”. “Temos clarísimo que iso acabará mal para o Concello de Santiago, non só se perderán 600.000 euros, hai unha reclamación de Setex Aparki de 1 millón de euros por eses parquímetros”, advertiu.

Ademais Setex Aparki reclama outro millón de euros polo depósito de vehículos porque alega que ten a obriga de custodiar os vehículos durante un tempo, mais transcorrido ese período o Concello ten que retiralos ou pagar o prezo de alugueiro por esas prazas, cuestión que tampouco realizou.

Comentarios
Lo más