Reyes asegura que a sentenza da ORA "é a consecuencia dun erro continuado e reiterado de CA, advertido durante tres anos pola oposición"

Reyes asegura que a sentenza da ORA "é a consecuencia dun erro continuado e reiterado de CA, advertido durante tres anos pola oposición"
Foto de arquivo
Reyes asegura que a sentenza da ORA "é a consecuencia dun erro continuado e reiterado de CA, advertido durante tres anos pola oposición"

Para Reyes, tamén é especialmente grave que se lle vaia ter que pagar unha indemnización a unha empresa que nunca chegou a prestar un servizo á cidade

O voceiro socialista, Paco Reyes, cualificou a actitude que están a ter o alcalde e o grupo de goberno ao coñecerse a sentenza do contencioso nº2 de Santiago que condea ao Concello a pagar á empresa Doal algo máis de 620.000 euros (máis intereses) polo servizo da ORA e o guindastre, como "patética". Malia "entender", dixo, o nerviosismo pola etapa preelectoral na que nos atopamos e as enquisas que se empezan a coñecer, afirmou que esta sentenza é a consecuencia dun "erro continuado e reiterado de Compostela Aberta, advertido ata a saciedade pola oposición".

"A oposición tiña razón cando dixemos, coñecido o fallo de 2015, que Doal se tiña que facer cargo da prestación do servizo da ORA e guindastre", manifestou Paco Reyes, para o que o contido desa sentenza, que anulaba a adxudicación a Setex Aparki (e, polo tanto, tiña que facerse á segunda empresa no concurso, isto é Doal), "era evidente para todo o mundo menos para Compostela Aberta". A este respecto, o voceiro socialista afirmou que o grupo de goberno actuou unicamente polo seu beneficio político e, así, decidiu manter a Setex mentres iniciaba o proceso de remunicipalización deste servizo, para poder subrogar aos seus traballadores alegando que se trataba da mesma empresa.

Durante tres anos, os grupos da oposición, nomeadamente o socialista, reclamou a execución desa sentenza de 2015, interpretada a instancias da propia Doal noutro fallo posterior de maio de 2017, e agora con forma de indemnización nunha sentenza coñecida agora de algo máis de 620.000 euros, máis os intereses, á que era a segunda empresa no concurso.

Para Reyes, tamén é especialmente grave que se lle vaia ter que pagar unha indemnización a unha empresa que nunca chegou a prestar un servizo á cidade. "É o pago do erro reiterado e consciente", dixo. A este respecto, lembrou as decualificacións do alcalde a un concelleiro da corporación que advertira desta máis que posible sentenza e dunha indemnización da que xa falaba nun informe o perito xudicial. "Por que Noriega non puxo enriba da mesa ese informe e o ocultou?", preguntou Paco Reyes, que ademais lembrou que o concurso do guindastre e a ORA adxudicouse en 2012 (ano no que xa non gobernaba o bipartito de Bugallo, tal e como pretenden facer crer dende CA nunha campaña que Reyes tildou de "patética") e a primeira das sentenzas foi a de 2015, xa gobernando Compostela Aberta -fallo no que, como subliñou o voceiro socialista, é contra o cumprimento dos pregos de Setex, non contra o proceso de contratación-.

"Isto non é herdanza ningunha, é unha responsabilidade exclusiva de CA, advertida pola oposición durante tres anos", apuntou.

Sobre a "reacción patética" do grupo de goberno, poñendo en marcha unha campaña na que tratan de vencellar aos grupos da oposición co acontecido neste mandato e mesmo acusar de fallos noutros temas, Paco Reyes referiuse especificamente a dous puntos. O primeiro, o que acusa á oposición de ter que pagar por erros na liquidación do servizo de transporte urbano, un asunto que, para o concelleiro do PSdeG-PSOE lonxe de resolvelo, CA segue a aplicar o mesmo criterio de liquidación -polo menos en 2015, 2016 e 2017- e, ademais, durante o mandato socialista non había constancia ningunha de que non se poidera liquidar como se facía, "mentres agora, dende o fallo xudicial, si que se sabe e non hai cambios ao respecto".

En segundo lugar, Paco Reyes falou da sentenza do parque comarcal de bombeiros, matizando que "polo menos neste caso o comento e a estrutura existen, polo que se algunha vez se fai, podería ser no mesmo lugar, mentres que a Doal váiselle pagar por un diñeiro por nada". O edil tamén instou ao goberno local a, se queren falar do parque de bombeiros, "falemos de todo, o da responsabilidade de todo o mundo neste tema". 

Comentarios
Lo más