Os socialistas esíxenlle explicacións a Feijóo e ao Consellerio de Sanidade polo falecemento de dous pacientes en urxencias do CHUS

Foto de arquivo
Os socialistas esíxenlle explicacións a Feijóo e ao Consellerio de Sanidade polo falecemento de dous pacientes en urxencias do CHUS

Julio Torrado acusa ao goberno galego de “tolerar que as concesionarias das ambulancias paguen por debaixo do actual salario mínimo”


O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, esixiulle hoxe explicacións ao presidente da Xunta e ao conselleiro de Sanidade logo de coñecer a denuncia presentada por médicos do Hospital de Santiago diante da Fiscalía polo falecemento de dous pacientes en Urxencias do Hospital de Santiago, o pasado 2 de xaneiro. Así o confirmou a médica daquel servizo, Fátima Nercellas, nunha xuntanza organizada por socialistas, En Marea e BNG, logo dos vetos do PP á Comisión de Investigación de Sanidade.

O responsable socialista considera “inasumible” que se produzan “con demasiada frecuencia” estas “terribles consecuencias” na sanidade galega “pola saturación e falla de recursos, que provocou a desatención dos pacientes con consecuencias fatais”. A responsable sanitaria explicou que a denuncia entrou hoxe na Fiscalía logo do falecemento, o pasado 2 de xaneiro, de dous pacientes de avanzada idade que permanecían nos corredores do Hospital.

Explicou que o falecemento se produciu logo de 3 alertas enviadas ao longo do día conselleiro, á xerente da Área Sanitaria, e ao equipo directivo, nunha xornada na que chegaron a haber ata 29 pacientes de extrema gravidade agardando a ser atendidos, a pesares do cal mesmo se negaron a abrir a antiga sala de reanimacións.

Hoxe participaron o técnico de emerxencias sanitarias Óscar Graña, a médica de Urxencias do Hospital de Santiago, Fátima Nercellas, e a enfermeira do CHUS Elisabeth Dosil, logo de que o PP impedira a súa intervención no órgano convocado pola oposición para investigar o impacto dos recortes de Feijóo na sanidade galega. A próxima semana terán lugar dous novos encontros sobre sanidade coa participación de representantes de Pediatría, exclusión sanitaria e Psiquiatría. 

Torrado acusou ao goberno galego de “tolerar” que as concesionarias do servizo de ambulancias pagaran de forma “indecente”, por debaixo do actual salario mínimo, logo de que as empresas se queixaran onte de que a suba do SMI a 900 euros impedíalles continuar co servizo. O representante de Emerxencias confirmou a situación destes traballadores, contratados por 800 euros e con “altísima responsabilidade”.

Logo da xuntanza de hoxe, o portavoz de Sanidade explicou que tanto no caso do 061 como das Urxencias Hospitalarias “o eixo do problema é a Consellería de Sanidade. No primeiro caso, dixo, “vimos de constatar a situación gravísima dos traballadores, que teñen que atender á cidadanía en condicións de explotación laboral coa conivencia da Consellería, que permite desangrar aos traballadores a cambio dun maior beneficio empresarial”.

Lembrou que o ultimo concurso de concesión de ambulancias está xudicializado a día de hoxe baixo a sospeita dun presunto “trato de favor” de 121 millóns de euros. No caso das urxencias hospitalarias, dixo, “asistimos a unha folga responsable, na que os traballadores asumen uns servizos mínimos do cen por cen para atender aos cidadáns, pero que están fartos do trato da Consellería , que se nega a escoitar propostas sensatas e razoables, dedicándose a atacalos nos medios”.

Comentarios