A asociación de sendeirismo Rutas a Pie imparte esta fin de semana un curso sobre o uso de GPS

A asociación de sendeirismo Rutas a Pie imparte esta fin de semana un curso sobre o uso de GPS
A asociación de sendeirismo Rutas a Pie imparte esta fin de semana un curso sobre o uso de GPS

O obradoiro realizase o sábado 12 e o domingo 13 de xaneiro

Para recibir o 2019 con enerxía, Rutas a Pie, en colaboración coa Concellaría de Promoción Económica e Turismo, imparte esta fin de semana un curso de iniciación ao uso do GPS, aplicado á práctica do sendeirismo, que se realiza o sábado 12 e o domingo 13 de xaneiro. Esta actividade terá lugar no Centro de Formación e Emprego de Aldea Nova, en horario de 09:30h a 19:00 horas.

A asociación Rutas a Pie, en colaboración co Concello de Ames, organiza un curso aplicado ao sendeirismo co obxectivo de guiar ás persoas asistentes no uso do GPS durante as súas saídas de sendeirismo. A actividade desenvolverase no Centro de Formación e Emprego de Aldea Nova, en horario de 09:30h a 13:30 horas e de 15:00h a 19:00 horas, e será impartida pola Escola Galega de Alta Montaña (EGAM).

O obxectivo desta iniciativa será o de facilitar aos asistentes o manexo básico, o coñecemento de utilidades do aparello e o seu potencial para a preparación de itinerarios, así como solucionar os problemas que poden xurdir no seu uso. Deste modo, estes coñecementos permitirán ao grupo realizar percorridos con GPS e mesmo servir de porta de acceso segura á realización de outras actividades de maior dificultade.

Os contidos que se abordarán xirarán, polo tanto, arredor do manexo básico e a configuración deste aparello, da utilización de planos 1:25000 e do track e o waypoint como toma de referencia. Asemade, tamén servirá como unha primeira toma de contacto coa descarga de datos no ordenador e programas como o Base Camp, o Ozi Explorer, Google Maps e outros recursos na web. Tamén fará fincapé en como planificar rutas no ordenador e, por último, farase unha comprobación sobre o terreo de todo o aprendido.

O número de prazas esta limitado a 10-12, con preferencia para os socios do club. Ao remate do curso, entregarase un certificado acreditativo emitido pola Escola Galega de Alta Montaña (EGAM), entidade encargada de impartir a formación xunto coa Federación Galega de Montañismo (FGM).

Comentarios