O xulgado decreta que en Galicia están prohibidos os campionatos de tiro ao pichón

O xulgado decreta que en Galicia están prohibidos os campionatos de tiro ao pichón
Fonte: Facebook
O xulgado decreta que en Galicia están prohibidos os campionatos de tiro ao pichón

O xuíz subliña que a norma non só se refire aos animais domésticos, senón tamén aos “silvestres mantidos en catividade con fins distintos dos produtivos”, aos que prohibe matar en actividades deportivas ou recreativas

O Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Pontevedra inadmitiu en parte o recurso interposto pola Real Federación Española de Tiro a Vuelo e a Federación Galega de Tiro ao Voo sobre a denegación da solicitude de autorización dun campionato de tiro ao pichón na illa da Toxa entre os días 3 e 8 de xullo de 2018. O maxistrado conclúe na sentenza que, tal e como afirman a Xunta e o Goberno, que son as administracións demandadas, en Galicia os torneos de tiro ao pichón “non resultan autorizables” tras a entrada en vigor en outubro de 2017 da lei autonómica de protección e benestar dos animais de compañía. Esta nova normativa derrogou a anterior, na que se permitía excepcionalmente á Xunta autorizar, baixo o control da respectiva federación, a celebración de competicións de tiro ao pichón. “Na nova lei non se incluíu a dita excepción, a diferenza, por exemplo, dos espectáculos taurinos”, indica o maxistrado.

O xuíz subliña que a norma non só se refire aos animais domésticos, senón tamén aos “silvestres mantidos en catividade con fins distintos dos produtivos”, aos que prohibe matar en actividades deportivas ou recreativas. “As aves utilizadas nestas competicións de tiro ao pichón son cualificables como animais silvestres, xa que viven e se reproducen en liberdade no medio natural, pero son capturadas e alimentadas durante varios días en catividade en instalacións de tipo industrial, manténdose en gaiolas ata o momento mesmo de inicio desta competición deportiva”, sinala o maxistrado.

O titular do Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Pontevedra destaca que non é unha actividade produtiva, xa que a súa finalidade principal non é a de xerar alimentos ou uso industrial, senón a recreativa e deportiva. Ademais, descarta que sexa unha práctica cinexética. “O deporte do tiro ao pichón practícase sobre animais en situación inicial de catividade, que ao ser disparados no momento mesmo da súa liberación, carecen da posibilidade de preocultamento característica dos lances de caza”, resalta.

O xuíz inadmite o recurso presentado contra o informe da Xunta que prohibe realizar o campionato e no referente á indemnización reclamada polas federacións. Con todo, acolle en parte, debido a defectos de forma, o recurso interposto contra a resolución do 7 de febreiro de 2018 do secretario xeral da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, denegatoria da autorización para realizar o torneo.

Comentarios