Obradoiro "Aul@ tecnolóxica de maiores" na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal

Foto de arquivo
Obradoiro "Aul@ tecnolóxica de maiores" na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal

O obradoiro está dirixido ás persoas maiores de 55 anos co obxectivo de integralas na sociedade facéndoas partícipes dela a través da formación en novas tecnoloxías, especialmente no uso de teléfonos móbiles, tabletas e ordenadores portátiles

A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal acolle un obradoiro de introdución ás novas tecnoloxías que, baixo o título “Aul@ tecnolóxica de maiores”, está dirixido ás persoas maiores de 55 anos co obxectivo de integralas na sociedade facéndoas partícipes dela a través da formación en novas tecnoloxías, especialmente no uso de teléfonos móbiles, tabletas e ordenadores portátiles, cun carácter eminentemente práctico de cara á súa aplicación e aproveitamento na vida cotiá. A actividade estará a cargo de Mar Torres Vilariño, voluntaria do programa de Voluntariado Cultural da Rede de Bibliotecas de Galicia.

"Aul@ tecnolóxica de maiores" comenzará a súa andaina o martes 29 de xaneiro e seguirá o calendario escolar ata finalizar o próximo mes de xuño. O número máximo de participantes é de sete e precísase ter o carné de biblioteca. A actividade desenvolverase os martes de 18.00 a 19.30h e as sesións terán lugar nas salas de traballo en grupo do 3o andar. O período de inscrición abrirase o 9 de xaneiro ás 8:30 horas e prolongarase ata o remate da actividade. As persoas interesadas poderán obter máis información e anotarse chamando ao 881 999 401 ou acudindo directamente ao mostrador da planta baixa. Así mesmo, poden consultar a páxina web da Biblioteca e o Facebook.

A biblioteca porá a disposición dos integrantes da actividade os dispositivos necesarios para desenvolver o programa que se vai impartir: tabletas e ordenadores portátiles. Todos os participantes deberán traer un teléfono móbil para conectarse á rede WI-FI e poder traballar con el neste obradoiro. Mar Torres Vilariño realizou un Ciclo formativo de grao superior de desenvolvemento de aplicacións informáticas no IES San Clemente de Santiago de Compostela.

Comentarios