A Aula do Milladoiro oferta tres novos cursos para o primeiro trimestre do ano

A Aula do Milladoiro oferta tres novos cursos para o primeiro trimestre do ano

A oferta está formada por unhas xornadas de iniciación a Internet, que se realizarán en xaneiro, un curso sobre o procesador de textos Writer para nenos e nenas para febreiro, e un obradoiro de mecanografía en marzo

A Aula de Informática do Milladoiro ten aberto o prazo para anotarse nos cursos que ofrece para os primeiros meses do ano 2019. A oferta está formada por unhas xornadas de iniciación a Internet, que se realizarán en xaneiro, un curso sobre o procesador de textos Writer para nenos e nenas para febreiro, e un obradoiro de mecanografía en marzo. Premendo a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as solicitudes de inscrición dos diferentes obradoiros, que son gratuítos.

A Aula de Informática do Milladoiro inicia a programación do novo ano cunhas xornadas de iniciación a Internet, dirixidas a persoas maiores de 16 anos. Esta formación, de seis horas de duración, desenvolveranse os días 23, 24, 28 e 29 de xaneiro en dúas quendas, de 10.00 a 11.30h ou de 18.00 a 19.30h. Ofértanse 10 prazas por quenda.

Por outra banda, no mes de febreiro está prevista a realización dun curso sobre o procesador de textos Writer pensado para nenos e nenas de 9 a 12 anos. Este obradoiro de seis horas terá lugar do 25 ao 28 de febreiro, en horario de 18:00h a 19:30 horas. O número de prazas por quenda é de 10.

Finalmente, a programación trimestral complétase coa realización dun obradoiro de mecanografía para maiores de 16 anos. Este último curso, de unha duración de catro horas, desenvolverase do 25 ao 28 de marzo, en horario de 10:00h a 11:00 horas ou de 18.00 a 19.30h. Ao igual que os anteriores, o número de prazas dispoñibles será de 10 por quenda.

Tramitación das inscricións

O prazo de inscrición para estes obradoiros gratuítos está aberto dende este mércores ata que se cubran todas as prazas, o que se fará por orde de inscrición. Cómpre destacar que terán preferencia as persoas que non teñan participado anteriormente nestes mesmos obradoiros. Para inscribirse é preciso estar empadroado no Concello de Ames e para que se formen os grupos é preciso un mínimo de sete persoas inscritas.

As inscrición poderanse facer en horario de Aula Aberta, de luns a xoves de 16:00h a 20:00 horas, e os venres de 9:30h a 13:30 horas; ou a través dun correo ao enderezo electrónico informatica.milladoiro@concellodeames.gal , no que deberá enviarse cuberta e asinada a solicitude de inscrición no curso que se desexe. Calquera persoa que desexe máis información pode obtela directamente na Aula de Informática da Casa da Cultura do Milladoiro, enviando un correo ao anterior enderezo ou chamando ao teléfono 981 535 940.

Servizo de Aula Aberta

A Aula de Informática do Milladoiro ofrece un servizo de Aula Aberta para que todas as persoas que o desexen poidan facer tarefas tais como consultar o correo electrónico, facer traballos persoais, ler o xornal, pedir unha cita médica ou buscar información. O horario de aceso á Aula Aberta é de 16:00h a 20:00 horas de luns a xoves, e de 9:30h a 13:30 os venres. Para poder beneficiarse deste servizo é preciso estar empadroada ou empadroado no Concello de Ames.

Comentarios
Lo más