Unhas 325 persoas participaron na primeira edición da I Xuntanza de Maiores de Lousame

Unhas 325 persoas participaron na primeira edición da I Xuntanza de Maiores de Lousame
Unhas 325 persoas participaron na primeira edición da I Xuntanza de Maiores de Lousame

O Concello de Lousame homenaxeou a catro ilustres maiores: Lucinda Figueroa, Manuel Escudero, Manuel Rodríguez e Aquiles Nieto

Unhas 325 persoas participaron esta tarde na primeira edición da Xuntanza de Maiores de Lousame, que tivo lugar no Restaurante O Trapeiro. Un acto que estivo presidido pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde Pais, e polo director xeral de Maiores e Persoas con discapacidade, Ildefonso de la Campa Montenegro, que estiveron acompañados pola concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, e polo concelleiro de Obras, Ramón Martínez.

O xantar, a base de empanada, merluza á galega e carne asada, estivo amenizado musicalmente polo grupo de gaitas O Son do Pote e coa maxia de Charly Braun, que foi realizando os seus trucos polas distintas mesas durante os postres. Antes do café, Teresa Villaverde e Silvia Agrafojo fixeron entrega de catro placas en homenaxe a outros tantos maiores do municipio: Lucinda Figueroa Iglesias, Manuel Escudero García, Manuel Rodríguez Mayo e Aquiles Nieto Filgueira. Tamén se entregou un agasallo á persoa de maior idade presente: Celia Santiago Blanco, de 92 anos.

Homenaxes

De Lucinda Figueroa Iglesias (24 de febreiro de 1942), Teresa Villaverde destacou que “foi unha segunda nai para os nenos e nenas do colexio de A Silva”, onde entrou como celadora dende 1973 ata a súa xubilación en 2007. Ademais, salientou o seu labor no club de xubilados de Lousame, onde leva moitos anos na directiva e colaborando altruistamente. Lucinda non fixo ningunha intervención, pois foi a que máis se emocionou coa homenaxe, que ningún dos catro agardaba xa que foi preparada en complicidade coas familias e ningún dos asistentes sabía dela.

O segundo homenaxeado foi Manuel Escudero García (8 de xuño de 1929), quen leva 63 anos como sacerdote. Tras pasar por San Pedro de Brates (Boimorto) e San Finz de Quión (Touro), trasládase en 1970 a San Xoán de Lousame. “Leva 48 anos nesta parroquia, prestando unha intensa colaboración nas parroquias veciñas de Santa Eulalia de Vilacoba, San Pedro de Tállara e San Martín de Fruíme”, explicou a alcaldesa de Lousame.

Don Manuel asegurou que nestes 48 anos “sempre estiven a gusto. De non ser así, tería collido a xubilación cando cumprín os 75, e estou chegando os 90. Estou aí por vós e vós diredes se teño que seguir ou se marcho. Eu seguirei facendo o que podo porque máis do que podo non podo”. Así mesmo, agradeceu a todos “a súa recepción aló onde estiven. Non tiven maiores problemas. Comigo nadie se meteu e eu procurei tamén non meterme con ninguén. Pensei sempre que a miña vida debía ser, como a de todo sacerdote, estar ao servizo de Deus. Non creo que teña que pedir perdón a ninguén porque non creo que ofendera a nadie e se alguén ofendín, que perdoe, pero non foi con intención”.

O terceiro homenaxeado foi Manuel Rodríguez Mayo (“Manolo Comparado”), nacido o 17 de novembro de 1931 e que comezou a traballar de novo na empresa familiar, Autos Comparado, fundada nos anos 50 para cubrir o servizo entre as Minas de San Finx e Noia. “Baixo o seu mando, a empresa medrou ata ampliar a súa área de actuación nas comarcas de Noia, Muros, Barbanza e Santiago”, explicou Villaverde. Manuel Rodríguez agradeceu a homenaxe, sinalando que incluso “acabo de ver fotos que non sabía nin que existían”.

Finalmente, o Concello de Lousame homenaxeou a Aquiles Nieto Filgueira (24 de novembro de 1920), quen empezou a traballar como carpinteiro aos 11 anos e que en 1970 fundou Maderas Aquiles. Foi presidente da Irmandade de Labradores, conseguindo a concentración parcelaria de Tállara e Lousame. “Aínda que moita xente cría que o señor Aquiles non sería capaz de sacar a empresa adianta, é unha das fábricas que sobreviviu á crise económica e ten un alto nivel de vendas”, apuntou a alcaldesa.

O señor Aquiles quixo compartir con todos os presentes unhas anécdotas: “un tenente de Zaragoza chegou a dicirme que a min me coñecían en toda Galicia porque el dicía que non había mellor madeira ca miña”. Outra anécdota que lembrou foi a duns fabricantes que “foron a Almería a ofrecerlles madeira e lles preguntaron de onde eran. Cando dixeron que de Galicia, lles preguntaron se coñecían a Aquiles Nieto. Eles dixeron que si e lles contestaron que non dubidaban da súa madeira pero mentres Aquiles nos sirva o que necesitamos, non quero tratar con ningún galego máis”.

Pola súa banda, Ildefonso de la Campa asegurou que os catro homenaxeados “son a personificación da mellor xeración que tivemos en Galicia porque son a xeración que nos levou dun país que estaba abocado á pobreza e á emigración a un país que está desfrutando de altas cotas de benestar. E tempo é de que o recoñezamos”. Ademais, indicou que “a vosa experiencia e coñecemento é fundamental para ter unha Galicia de futuro asentada sobre o sentido, sobre o progreso e sobre os valores que a vós vos conformaron: o traballo, a solidariedade, a sinceridade…”.

Comentarios