Os Socialistas de Oroso denuncian a alarma creada polo voceiro do PP en torno á N-550 e, de ser consciente de situacións de risco, que non o houbese comunicado antes

Os Socialistas de Oroso denuncian a alarma creada polo voceiro do PP en torno á N-550 e, de ser consciente de situacións de risco, que non o houbese comunicado antes

Para eles resulta sospeitoso que o voceiro popular asegure sempre que as súas demandas “responden ás queixas dos veciños”, cando no equipo de Goberno non se ten constancia de ningunha demanda neste senso

Os Socialistas de Oroso amosan sorpresa ante as últimas declaracións do portavoz do grupo municipal do Partido Popular, Alexander Doval, en relación á demanda dun semáforo na parroquia de Oroso, na N-550.

Os socialistas califican de “curioso” e “sospeitoso”, que o voceiro popular asegure sempre que as súas demandas “responden ás queixas dos veciños”, cando no equipo de Goberno “non se ten constancia de ningunha demanda de dito semáforo, e menos de que se vivise ningunha situación de risco”.

Pero para eles o máis insólito desta situación é que “nunca dende o Partido Popular de Oroso demandaron un semáforo”. No canto diso, afirman téñense sumado ás peticións doutros grupos como por exemplo á do señor Siverio Mirás de instalar na N-550 un paso de peóns.

O máis preocupante para eles é que, de existir “ese perigo inminente dende hai tempo”, o PP non o denunciase antes e esperase a facer a petición co cambio de Goberno central, pois ao titular de Fomento do Partido Popular non se lle fixo ningunha solicitude para a instalación de ditos semáforos. Aos socialistas gustaríalles saber “que é o que realmente lle preocupa ao señor Doval? Se a seguridade dos veciños e, como el di, dos nenos ao cruzar a estrada, ou en realidade só está a facer unha vez máis demagoxia barata creando alarma con afirmacións tan graves como a posibilidade de que ocorra unha desgraza”.

Centro social de Oroso

En canto ao o novo Centro Social de Oroso lembran que xa estaba programado e presupostado. Pero a localización que se lle asignou, anexo ao existente, non contou co consenso dos veciños que pediron unha nova localización. Ante esta situación mantívose unha xuntanza coa asociación de veciños e, en consenso con eles, acordouse un novo lugar para a súa construción. “Este feito retarda a súa construción, algo que xa se lle comunicou á propia asociación de veciños. De todos os xeitos, os veciños e veciñas contan cun local social totalmente equipado para facer as actividades que desexen”.

Así mesmo, as obras da praza que se vai construír no lugar da antiga escola comezarán nas próximas semanas, igual que a obra do campo de fútbol da Penela. Por tanto, “que non veña unha vez máis o señor Doval anunciando proxectos que o equipo de goberno xa ten marcha; somos coñecedores de que o único que intenta é anotarse un tanto cando sabe que as obras están a punto de comezar. E non só iso, de novo o voceiro do PP intenta alarmar aos veciños con mentiras, co único fin de gañar algún que outro voto de cara as próximas eleccións locais; unha actitude -a de crear alarma- cando menos cuestionable”.

Comentarios
Lo más