O Goberno local prevé licitar no primeiro trimestre do ano as obras da Casa das Máquinas

O Goberno local prevé licitar no primeiro trimestre do ano as obras da Casa das Máquinas

A Xunta de Goberno deu conta do convenio asinado coa Deputación da Coruña para o cofinanciamento das obras de rehabilitación da Casa das Máquinas de Galeras. A actuación custará algo máis de 250.000 euros, dos que 200.000 serán achegados polo organismo provincial.

O alcalde, Martiño Noriega, lembrou que o Goberno "ten investido 50.000 euros nunha primeira fase da rehabilitación da Casa das Máquinas, que tivo que ser apuntalada ante o risco que sufría de derrubamentos". O convenio asinado coa Deputación da Coruña permitirá acometer a rehabilitación do inmoble, coa recuperación da cuberta, dos muros e da carpintería exterior. Posteriormente, poderíase acometer unha segunda fase, coa actuación interior do edificio.

A Casa das Máquinas, deseñada polo arquitecto compostelán Xesús López de Rego, foi construída en 1919 e atópase entre o patrimonio catalogado, en atención ás súas características tipolóxicas e compositivas de especial significación arquitectónica e ambiental. O edificio, que estivo destinado a albergar un transformador de Fenosa, ten unha cualificación urbanística de dotación con uso previsto sociocultural.

Comentarios
Lo más