O CHUS contradí a información dada pola doutora Fátima Nercellas

O CHUS contradí a información dada pola doutora Fátima Nercellas
Foto de arquivo
O CHUS contradí a información dada pola doutora Fátima Nercellas

"Os doentes aos que se refire foron valorados e recibiron atención sanitaria aos poucos minutos de chegar ao servizo de urxencias. Concretamente nun caso aos 9 minutos e noutro ao 14 minutos"

O pasado 2 de xaneiro aconteceron dúas mortes en urxencias do CHUS que foron denunciadas á Fiscalía pola doutora Fátima Nercellas. A doutora informou a COMPOSTELA24HORAS.COM que ese día empezáronse a acumular os doentes clasificados como graves no corredor de entrada e que "pese aos tres avisos que lles mandou por correo electrónico á xerencia e ao conselleiro, non fixeron caso ningún". No email solicitaban que se abriran espazos que estaban cerrados como a unidade de reanimación antiga e que se levaran as 10-12 persoas pendentes de ingreso que estaban en urxencias.

Ante esta denuncia, a Xerencia de Xestión Integrada emitiu un comunicado no que negaba "rotundamente" as mortes denunciadas.

Tras este comunicado, varios medios, entre eles COMPOSTELA24HORAS.COM tiveron acceso a varios correos electrónicos nos que a doutora Nercellas poñía en coñecemento da xerencia do CHUS a gravidade da situación do día 2 de xaneiro.

O Hospital Clínico de Santiago acaba de facer público outro comunicado desmentindo a información aportada pola doutora na denuncia ante a Fiscalía. No comunicado a xerencia do CHUS "subliña que os doentes aos que se refire foron valorados e recibiron atención sanitaria aos poucos minutos de chegar ao servizo de urxencias. Concretamente nun caso aos 9 minutos e noutro ao 14 minutos. Estes doentes foron atendidos non só por profesionais de urxencias senón ademais polos diferentes facultativos especialistas nas graves doenzas previas que xa padecían e se lles fixeron todas as probas complementarias que os clínicos estimaron necesarias."

O comunicado tamén informa de que "a sanidade pública conta con mecanismos de garantía contrastada (SINASP) para que os profesionais de servizo que detecten algunha anomalía organizativa, mala praxe ou evento adverso poidan comunicalo internamente, mesmo desde o anonimato. Con este mecanismo activaríase unha investigación interna na que se averiguan as causas e da que se derivan accións e propostas de mellora, así como a determinación de responsabilidades." E segundo afirman, "os xestores desta canle (SINASP) non recibiron ninguha comunicación en relación aos feitos denunciados."

Informan finalmente que "a xerencia monitoriza en todo momento a situación de urxencias, e dado o incremento da afluencia de pacientes, no día 2 tivo dotadas todos os espazos para atender urxencias e ordenou reforzo de persoal no servizo para atender o incremento inusual de doentes que se se estaba a producir o que permitiu atendelos a todos. Aclarar non obstante, que moito antes de que a delegada sindical enviara a comunicación vía mail á xerencia xa estaba dada a orde de reforzo de persoal"

E engaden "que ao longo da tarde do dia 2 de xaneiro houbo ocos libres nos diferentes espazos de urxencias, situación que facía totalmente innecesaria a ocupación da antiga sala de reanimación (situada noutra planta) que demanda a denunciante."

Este comunicado condradí o feito denunciado polo sindicato OMEGA ante a Fiscalía. Pretende o CHUS tapar os seus erros? Que foi o que fallou na atención a los pacientes falecidos o 2 de xaneiro? Haberá responsabilidades polas mortes dos dous pacientes?

Comentarios