Denuncian o suicidio dunha moza de Ribeira no Gil Casares

Denuncian o suicidio dunha moza de Ribeira no Gil Casares
Denuncian o suicidio dunha moza de Ribeira no Gil Casares

O suceso aconteceu a mañá do 1 de xaneiro do 2018 tras ingresar por un intento de suicidio

Encarna Riveiro Sampedro ingresou na Unidade de Hospitalización Psiquiátrica do Hospital Gil Casares a mañá do 1 de xaneiro de 2018 tras un intento de suicidio. Ás horas de ingresar, suicidouse. Segundo informa un comunicado do avogado da familia, ninguén a vixiaba tras un intento de suicidio. Quitouse a vida, xustamente, no lugar onde quedou para que esto non acontecera, afirma.

Qué foi o que fallou para que, o lugar onde a familia confiou que ía estar ben atendida, un ámbito sanitario onde se presupón unha protección e vixilancia constante, fose o lugar onde aconteceu todo o contrario? 

"A vía penal está aberta, incoáronse dilixencias no xulgado nº3 de Santiago a raíz do falecemento", indica o avogado Francisco del Buey. "Foron chamados a declarar o psiquiatra, a enfermeira e o celador" e indica que o caso é un homicidio por imprudencia. 

Del Buey explica que, cando ingresa un paciente na Unidade de Hospitalización Psiquiátrica, faise un diagnóstico inicial que pode responder a tres niveis: para entendelo diremos que son normal, medio ou alto. No nivel medio fan un seguimento máis ou menos intenso. O terceiro nivel implica a vixilancia permanente incluso a través de cámaras.

A rapaza viña dun intento autolítico e primeiro entrou por urxencias onde botou a noite nun box. Pola mañá mandárona ao andar de Psiquiatría do Gil Casares. Segundo afirma Franciso Del Buey,  a Encarna Riveiro non se lle aplicou ningún protocolo de prevención de suicidios. Cando foi ingresada en Psiquiatría, o psiquiatra aplicoulle o nivel medio de atención continuada sen tan sequera vela, e compartía habitación con outras doentes.

O avogado da familia denuncia a súa mala praxe dende un principio xa que, ao ingresar por un intento autolítico, sostén que deberían haberlle aplicado o terceiro nivel de vixilancia extrema para que non ocorrese o acontecido.

"Cando o psiquiatra, que estaba o día que faleceu e que non a chegou a ver, prestou declaración, contestou que non á pregunta de que se existía un protocolo de protección de suicidios. Preguntaron despois que se a día de hoxe existe, e contestou que sí. Non se pode lexislar a golpe de falecidos" indica o avogado.

"É de sentido común que se apliquen 24 horas de vixilancia. Había habitacións libres con unha cámara. Fallaron a avaliación inicial, e o segundo diagnóstico que non revisou a avaliación anterior. E que non existira un protocolo cousa que agora din que o están elaborando" engade Del Buey.

Pola súa parte, a Xerencia de Xestión Integrada de Santiago comunica a COMPOSTELA24HORAS.COM que o caso está pendente de sentencia e que xa se achegou toda a información requirida ao xulgado. 

"Iniciouse unha investigación interna nada máis coñecerse a denuncia pública do acontecido en xaneiro de 2018 e na que se concluíu que non houbo falla de atención e que se activaron correctamente os mecanismos de supervisión e vixilancia existentes" indica a este medio o CHUS.

"Nesa época xa existían Plans de Coidados con vixilancia por risco de autolise e atención preferente, que se activan en función do criterio clínico do facultativo ao cargo de cada doente" afirman. E tamén sinalan que "a Xerencia Integrada de Santiago conta cun Protocolo de atención ao suicidio, elaborado polos propios profesionais, no que se recollen e actualizan as instruccións existentes con anterioridade".

"Lamentablemente poden producirse situacións como está a pesares da aplicación dos protocolos de atención, tratamento e prevención do suicidio pautados polos facultativos para cada paciente e aínda estando ao completo todo el persoal da planta de hospitalización e coas instalacións adaptadas" conclúen.

Comentarios