Luís Villares optimista coa disciplina de voto dos deputados de Podemos no grupo de En Marea

Luís Villares optimista coa disciplina de voto dos deputados de Podemos no grupo de En Marea
Luís Villares optimista coa disciplina de voto dos deputados de Podemos no grupo de En Marea

Villares dixo non ter, “ata agora, ningún motivo para pensar que fosen votar algo diferente do que establecese a dirección de En Marea

O portavoz nacional de En Marea, Luís Villares, dixo non ter motivo algún "para pensar que os deputados de En Marea pertencentes a Podemos fosen votar algo diferente do que establecese a dirección" á hora de decidir sobre os Orzamentos Xerais do Estado.

Cuestionado, nunha entrevista en Radio Galega, pola autonomía de En Marea no grupo confederal de Unidos Podemos do Congreso, Villares lembrou que "dentro dos acordos estaba que o grupo parlamentario de En Marea tería dereito de establecer a súa propia disciplina de voto e o seu propio sentido de voto diferente do grupo confederal".

"Nós prefeririamos non ter que utilizar ese mecanismo, pero estamos dispostos a utilizalo se o acordo final (sobre os Orzamentos) non satisfai os intereses da Axenda Galega do Cambio.

Preguntado en particular se confía no proceder dos deputados de En Marea pertencentes a Podemos, se chegado o caso, Podemos pactase co PSOE pero as peticións galegas non se visen satisfeitas, Villares dixo non ter, “ata agora, ningún motivo para pensar que fosen votar algo diferente do que establecese a dirección de En Marea. "Agora levamos dous anos de lexislatura e nunca sucedeu”".

Sobre as citas electorais de maio, o portavoz de En Marea anunciou que a esquerda rupturista presentará candidaturas en 150 concellos nas eleccións municipais, o dobre das presentadas fai catro anos.

Villares tamén lles ofrecerá a marca de En Marea ás mareas locais para actuar como unha denominación común co obxectivo de ter representación nas deputacións provinciais, e respecto ás europeas indicou que a intención de En Marea pasa por repetir candidatura con Unidos Podemos.

Para o portavoz nacional de En Marea a situación da sanidade en Galicia será un dos argumentos fundamentais dos próximos meses. Na súa opinión, o problema da sanidade pública é “o maior problema” de Núñez Feijóo desde que está no Goberno galego.


Comentarios