Villares recrimina que as políticas sanitaria de Feijóo "son temerarias e poñen en serio risco á poboación”

Villares recrimina que as políticas sanitaria de Feijóo "son temerarias e poñen en serio risco á poboación”
Villares recrimina que as políticas sanitaria de Feijóo "son temerarias e poñen en serio risco á poboación”

O voceiro de En Marea esixiu á Xunta que cumpra a Lei sanitaria e que acabe coas políticas de “maltrato sanitario” que están a impor

O voceiro de En Marea, Luís Villares, acusou ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, de poñer en serio perigo a saúde das galegas e galegos por aforrar contías ridículas. Unha nova proba desta situación de “maltrato sanitario” que está a impor o Partido Popular á cidadanía galega, tivo lugar esta mesma fin de semana en Cambados onde os profesionais tiveron que dobrar quenda para non deixar descuberto o servizo o Punto de Atención continuada. 

Unha situación similar que se deu tamén hai apenas quince días en Moaña onde tivo que ir un equipo de Vigo para cubrir o descuberto existente. “As políticas sanitarias do Partido Popular son temerarias e poñen en serio risco á poboación” afirmou Luís Villares e “son os profesionais os que están a exercer unha responsabilidade que corresponde ao Goberno galego pero non cumpre”.

Un risco para á cidadanía que unicamente busca como indicou o voceiro de En Marea, “lograr uns aforros ridículos de apenas 300 euros”. Nesta situación Luís Villares esixiu á Xunta de Galicia “que cumpran a Lei” e dispensen un sistema administrativo que garanta que ningún PAC quede desatendido. Así mesmo, instou a acabar coa “política de maltrato sanitario” e planificar o servizo para evitar problemas de última hora que acaben con ausencias sen cubrir.

“Estamos a falar dunha situación que se repite continuamente e que está a motivar o malestar entre os profesionais sanitarios e a cidadanía como queda de manifesto na nova convocatoria de mobilización para o vindeiro xoves en Vigo en defensa da sanidade pública. Manifestación que apoiamos e a que acudiremos” declarou Villares.

A situación actual ven motivada pola falla de recursos para atender as necesidades básicas e a reacción do PP é recortar servizos, non contratar persoal, buscar aforros ridículos e buscando endebedamento en mercados privados como acaba de anunciar o Goberno galego.

O voceiro de En Marea fixo especial mención a este anuncio advertindo que o quinquenio pasado a Xunta xa acudiu ao mercado privado o que supuxo un gasto extra de 400 millóns d euros por non acudir aos mecanismos públicos. Tras as denuncias de En Marea, o goberno galego rectificou e volveu ao Fondo de Facilidade Financeira. Agora “volvemos ás andadas” lamentou Villares. Ante esta nova viraxe, o voceiro de En Marea preguntouse a quen beneficia esta situación, canto vai costar “a nova aventura bancaria de Feijóo”, que entidade bancaria se vai beneficiar e que vantaxes ten para Galicia acudir ao mercado privado e non ao público.

E mentres tanto, lembrou Luís Villares, o goberno de Núñez Feijóo ven de baixarlle o imposto de Patrimonio ás 7.000 persoas máis ricas de Galicia. “Despois de perdoar máis de 12 millóns de euros aos máis ricos de Galicia, agora non temos recursos para pagar aos médicos do noso sistema sanitario galego e o Goberno Feijóo anuncia que se vai endebedar no mercado privado” incidiu Villares. “Temos un presidente que goberna para os ricos mentres a xente normal queda sen atención médica nos seus centros de saúde” denunciou.

"DEIXE DE VESTIR DE CENTRISTA"

Na comparecencia do voceiro de En Marea ante os medios de comunicación fixo referencia á convención do Partido Popular desta pasada fin de semana tras a que Luís Villares pediu a Núñez Feijóo que “deixe de vestir de centrista” xa que “a bandeira española dos recortes e dos privilexios fiscais aos ricos só tapa as vergoñas do lado dereito do corpo, mentres as necesidades de Galicia como queda de manifesto quedan espidas”.

Comentarios
Lo más