O Banco Municipal de Alimentos de Ames subministrou máis de 56 toneladas de alimentos entre 180 familias de Ames

O Banco Municipal de Alimentos de Ames subministrou máis de 56 toneladas de alimentos entre 180 familias de Ames
O Banco Municipal de Alimentos de Ames subministrou máis de 56 toneladas de alimentos entre 180 familias de Ames

Os alimentos que se reparten proceden principalmente de tres programas: o fondo de axuda europea para as persoas más desfavorecidas en España; o fondo galego de garantía agraria; e do banco de alimentos Rías Altas (Balrial)

Co gallo do comezo do ano, o Concello de Ames fai balance do traballo feito no Banco municipal de alimentos durante o pasado ano. Ao longo de 2018 repartíronse arredor de 56 toneladas de alimentos entre as familias con maior necesidade de Ames. Este programa, que atendeu a unhas 180 familias, está xestionado pola Concellaría de Servizos Sociais. Os alimentos que se reparten proceden principalmente de tres programas: o fondo de axuda europea para as persoas más desfavorecidas en España; o fondo galego de garantía agraria; e do banco de alimentos Rías Altas (Balrial).

O Banco Municipal de Alimentos de Ames abastece de alimentos básicos a unhas 180 familias do concello, e case 200 menores, que atravesan dificultades económicas e que son atendidas a través das Unidades de Traballos Social (UTS) de Bertamiráns e do Milladoiro. A maior parte de alimentos non perecedoiros proceden do Fondo de axuda europea para as persoas más desfavorecidas en España (FEAD), ao abeiro do que ao longo do 2018 repartíronse, en tres quendas diferentes, un total de 40.000 quilos de alimentos.

Ademais, a través do Banco de Alimentos Rías Altas (Balrial), en 2018 dispúxose de 10.000 quilos de alimentos de todo tipo, o que permitiu ampliar a variedade de alimentos dispoñibles para as familias e dispor de produtos para bebés, como biberóns ou cueiros, e doutros produtos hixiénicos. Esta axuda foi posible grazas ao convenio asinado en novembro de 2016 entre o goberno municipal de Ames e Balrial.

Por outra banda, e posibilitado tamén polo acordo acadado con Balrial, o Concello de Ames puido acollerse ao programa do Fondo galego de garantía agraria (FOGGA), a través do cal o pasado ano se entregaron uns 6.500 quilos de froitas e verduras. O reparto destes produtos realízanse aproximadamente cada 15 días.

Así, este programa de alimentos, está xestionado pola Concellaría de Servizos Sociais . Para o seu funcionamento é fundamental o traballo do técnico responsable do servizo, as educadoras familiares e a colaboración dos voluntarios e voluntarias da OVA, así como o traballo dos membros da brigada municipal de obras que se encargan de facer a descarga de alimentos e o traslado de ditos alimentos a UTS do Milladoiro.

Neste senso, a concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijóo, explica que “o convenio subscrito con Balrial e o acordo co FOGGA supuxeron un paso adiante na prestación de alimentos por parte do noso Banco de Alimentos Municipal, permitíndonos ampliar a variedade de produtos que se reparten, posto que, ata ese momento, nutriámonos principalmente dos alimentos non perecedoiros que viñan da Unión Europea a través da Cruz Vermella. Grazas a este acordo podemos prestar un servizo máis amplo, incluíndo produtos frescos como froitas e verduras, tan necesarias para unha dieta o máis equilibrada posible, alimentos precociñados e produtos de hixiene”. Asemade, a concelleira tamén quixo “agradecer as doazóns entregadas por diversos centros educativos, asociacións e entidades que fan recollidas solidarias ao longo do ano”.

Comentarios