"Salvemos a comarca de Ordes. Aire, auga e terra limpas" reclama transprencia e información sobre os proxectos de Naturgy tras o peche de Meirama

"Salvemos a comarca de Ordes. Aire, auga e terra limpas" reclama transprencia e información sobre os proxectos de Naturgy tras o peche de Meirama
Foto de arquivo
"Salvemos a comarca de Ordes. Aire, auga e terra limpas" reclama transprencia e información sobre os proxectos de Naturgy tras o peche de Meirama

Preocupación veciñal ante a posible intención de instalar un gran parque eólico e unha central de biogás que queimaría residuos animais e orgánicos industriais nos terreos onde estivo 40 anos aberta a explotación de carbón



A Rede de plataformas medioambientais ‘Salvemos a Comarca de Ordes. Aire, auga e terra limpas’ quixeron amosar o seu desconcerto e fonda preocupación veciñal ante as informacións publicadas nos medios de comunicacións na última semana, nas que se recolle que a multinacional Naturgy -antiga Fenosa-, tería proxectado instalar a partir do peche da central térmica de Meirama o próximo ano, un gran parque eólico e unha planta de biogás na zona onde estivo 40 anos aberta a explotación de carbón.

Reclaman, a través dun comunicado, que tanto a empresa como as Administracións involucradas nestes proxectos exerzan as súas responsabilidades de forma democrática e dean información detallada sobre cal é o plan que sucede ao peche da térmica. Desde a Rede sempre afirman que entenden que o peche da central térmica sería unha boa noticia para a comarca e para toda Galicia, pois suporía poñer fin a un dos maiores puntos produtores de contaminación de todo o Estado español e abriría o camiño cara a unha transición enerxética que non respondera só aos intereses do capital, senón que fora máis responsable, sustentable, ordenada e respectuosa co medio e coas persoas. Non obstante, os confusos anuncios que está a facer Naturgy sobre posibles novos proxectos relacionados co mercado gasístico e eléctrico, que incluirían tamén a queima de residuos animais e orgánicos industriais no lugar, poderían rachar esa esperanza.

Esixen transparecencia absoluta e en tempo real e coñecer en que consisten exactamente eses proxectos e onde estarían ubicados. Sería moi lamentable que despois de 40 anos da loita das Encrobas, os veciños e veciñas teñamos que volver coller os apeiros de labranza na man para defender de novo as nosas terras e o dereito a unha vida digna. Entenden que o peche da térmica debería implicar o total compromiso por parte da empresa para rexenerar e recuperar a zona danada durante todas estas décadas e a merecida devolución das terras a todo o pobo que se viu obrigado a marchar das súas casas ou a convivir con todos os perxuízos que trouxo a térmica para a zona sen nin sequera gozar da rebaixa no recibo eléctrico mensual nin de contraprestacións axeitadas.

Denuncian a expansión sen límite da industria e do negocio do lixo de toda Galicia na comarca de Ordes e reclaman que se poña fin á saturación que padece a comarca de proxectos relacionados coa xestión dos residuos. A comarca alberga na Areosa (concello de Cerceda) o basureiro de toda Galicia, que pretenden agora tamén ampliar e vai camiño de converterse no maior de Europa. Afirman que teñen tamén enriba a ameaza dun novo vertedoiro en Lesta de residuos industriais non perigosos, ademais da planta de Gesuga que trata os animais mortos, e da incineradora de Sogama. Afirman que a súa terra, a súa saúde, non pode soportar máis carga. Este modelo afecta directamente aos 36.000 veciños e veciñas da nosa comarca, pero tamén moito máis alá, ao longo da conca do río Tambre, que abastece a Santiago de Compostela, e vai parar á ría de Muros e Noia. Facer medrar a industria do lixo cara á zona onde está a térmica implicaría afectacións tamén no val do Barcés e no encoro de Cecebre, de onde se abastece A Coruña. 

Por iso, piden que toda a poboación galega tome conciencia e demandan a todos os grupos ecoloxistas, sociais, parlamentarios e políticos municipais que se poñan a traballar canto antes para entre todos coñecer cal é o novo futuro que nos despachos se está a planear e poder valorar.

Comentarios