ABANCA pon en marcha o ciclo de actividades ‘Aventúrate’ con deportistas galegos de elite

ABANCA pon en marcha o ciclo de actividades ‘Aventúrate’ con deportistas galegos de elite
ABANCA pon en marcha o ciclo de actividades ‘Aventúrate’ con deportistas galegos de elite

A iniciativa reforza o programa ABANCA Deporte Base achegando a experiencia e coñecementos destes profesionais á sociedade

ABANCA decidiu dar un novo impulso ao seu programa de apoio ao deporte galego ABANCA Deporte Base coa posta en marcha do ciclo de actividades ‘Aventúrate’, no que van participar deportistas galegos de elite como o triatleta Iván Raña, a regatista Sofía Toro ou o tenista Martín de la Puente.

O director de Marketing, Intelixencia e Dixital de ABANCA, Jorge Mahía, e o coordinador de RSC da Obra Social ABANCA, Fernando Filgueiras, presentaron este martes en Santiago de Compostela esta nova liña de actuación do banco dentro da súa estratexia de promoción da práctica do exercicio físico. No acto estiveron acompañados por Iván Raña e Sofía Toro, dous dos deportistas que colaboran coa iniciativa.

O obxectivo de ‘Aventúrate’ é promover encontros entre os atletas, o público xeral e deportistas novos, de modo que a través da experiencia e coñecementos adquiridos ao longo da súa carreira poidan ensinar e formar a xente de todas as idades a través dos valores intrínsecos á práctica deportiva e mostrar aos máis novos que é posible desenvolver desde Galicia unha carreira deportiva de éxito.

O programa inclúe tres tipos de actividades en función do público ao que van dirixidas: conferencias abertas a calquera persoa interesada, encontros con nenos e nenas que forman parte da canteira dos clubs galegos e unha viaxe a unha competición internacional na que participe algún dos atletas colaboradores para que as novas xeracións de deportistas poidan coñecer de primeira man como se prepara e como se vive unha proba destas características.

Tres dos deportistas galegos que maiores éxitos alcanzaron nos últimos anos, Iván Raña, Sofía Toro e Martín de la Puente, serán os protagonistas das actividades previstas para o primeiro trimestre de 2019, que comezan este mércores 23 de xaneiro cunha charla do triatleta de Ordes, pioneiro desta disciplina en España e campión do mundo en 2002, no Auditorio ABANCA de Santiago de Compostela. O encontro será ás 19.30 horas, con entrada libre e gratuíta até completar aforamento previa reserva a través do servizo de entradas de Afundación, Ataquilla.

A continuación, no mes de febreiro, será a quenda do vigués Martín de la Puente, tres veces campión do mundo júnior de tenis paralímpico. A regatista coruñesa Sofía Toro, campioa olímpica na categoría Match Race compartirá a súa experiencia co público no mes de marzo.

ABANCA Deporte Base

‘Aventúrate’ é unha iniciativa máis do Programa ABANCA Deporte Base, que se puxo en marcha en febreiro de 2015 e que nestes catro anos consolidouse como un referente en Galicia. O banco reforza así o seu compromiso coa promoción do deporte entre os máis novos.

Unha das acciones máis relevantes no marco de ABANCA Deporte Base é a colaboración coa Fundación Deporte Galego. Grazas ao acordo que manteñen ambas as entidades o banco apoia anualmente a 14.611 deportistas de 1.325 equipos de 25 disciplinas deportivas diferentes.

Ademais, no mes de setembro iniciouse unha campaña publicitaria, protagonizada por 130 deportistas novos das canteiras dos clubs que forman parte do programa de patrocinios, co obxectivo de difundir os valores intrínsecos á práctica deportiva, como a perseveranza, o xogo limpo, o compromiso, a igualdade, o traballo en equipo, o afán de superación ou o compañeirismo, a toda a sociedade.

Comentarios
Lo más