O Concello e o CGAC celebran o XX aniversario de "Lost in Sound", a mostra que levou a música electrónica ao Museo

O Concello e o CGAC celebran o XX aniversario de "Lost in Sound", a mostra que levou a música electrónica ao Museo
O Concello e o CGAC celebran o XX aniversario de "Lost in Sound", a mostra que levou a música electrónica ao Museo

A música electrónica volverá ao Centro Galego de Arte Contemporánea o próximo mes de febreiro. Será ao abeiro dun proxecto impulsado polo Concello de Santiago en colaboración co CGAC para celebrar o 20 aniversario dunha das exposicións máis icónicas do centro: Lost in Sound

O ciclo 20 anos Lost in Sound vaise desenvolver os días 15 e 16 de febreiro, vinte anos despois dunha exposición que, segundo apuntou a concelleira de Acción Cultural, "supuxo un xiro de perspectiva na relación entre os museos e o público e coa que se abriu o debate sobre a relación entre a alta e a baixa cultura". Branca Novoneyra lembrou tamén que a mostra, comisariada por Manuel Olveira, "xuntou a 40 artistas de toda Europa para reflexionar sobre a crise da arte como xeradora de universos visuais, en beneficio da publicidade, a moda ou os videoclips, e todo iso coa estética moderna da subcultura xuvenil de discoteca". Ese debate "volve estar de actualidade grazas a novas ferramentas como Youtube ou Instagram e rodeado de novos estilos musicais como o trap, e todo isto terá presenza neste ciclo, enmarcado no programa Compostela Conversa. A concelleira salientou que no ciclo participarán algúns dos artistas que estiveron hai vinte anos no Lost in Sound, xunto co comisario daquela mostra, Manuel Olveira, "e iso permitiranos abrir debates moi interesantes sobre todo o que ten acontecido nestes vinte anos na escena cultural".

Un cartel de luxo con entrada de balde

A coordinadora do programa Compostela Conversa sinalou que este ciclo "é unha proposta moi estimulante, sobre todo porque os códigos daquela exposición de hai vinte anos están aínda lonxe de seren superados". Cristina V. Miranda salientou que o programa, "moi ambicioso, combina a artistas internacionais do talle de Coucou Chloe, que ofrecerá no CGAC a súa segunda actuación en España, con novos valores galegos que tamén están a acadar unha grande proxección dentro e fóra do país". Ademais das súas actuacións, puxo o acento nas "conversas que o público poderá manter cos artistas e tamén con Manuel Olveira, en dous espazos do CGAC que garanten a proximidade entre uns e outros".

O ciclo 20 anos Lost in Sound reunirá un cartel de luxo, comisariado pola produtora I´m the Mocker e con entradas de balde. No programa participarán artistas que están renovando e creando novos códigos musicais e visuais, como a francesa Coucou Chloe, que ofrecerá en Santiago o seu único concerto en España, ademais do previsto no festival Primavera Sound. A artista atópase no seu mellor momento creativo, e especialmente recoñecida polo seu directo.

Xunto con Coucou Chloe, a outra cabeza de cartel do 20 anos Lost in Sound é Virgen María, o proxecto musical da produtora, DJ e performer María Forqué. Segundo a crítica, o seu proxecto musical G.O.D marca o camiño do que será a música electrónica do futuro, na que se mesturan ritmos latinos e produción experimental.

Ademais, no ciclo participarán o dúo galego Lowlight, referente tamén da música electrónica e pioneiro do trap; o proxecto Jus Kno’, nacido da colaboración do produtor Alex Aller e o artista visual Pablo Villanueva; os irmáns de Touro Yayo V e Eloi Vázquez co seu proxecto El cuerpo del disco, e un dos djs de referencia en Galicia, Víctor Flores. Tamén formarán parte do 20 anos Lost in Sound Chiu Longina, un artista sonoro da Pobra de Tribes, cofundador e membro do colectivo SINSAL Audio de Vigo; Montse Rego, unha lucense formada en artes visuais e deseño que se expresa a través da escultural, o vídeo e a fotografía; e Lola Dopico, ferrolá que imparte aulas nas áreas de arte, deseño e tecnoloxía, e que na actualidade dirixe a escola de moda ESDEMGA.

Comentarios