En Marea cualifica as prazas convocadas por Educación como "insuficientes"

En Marea cualifica as prazas convocadas por Educación como "insuficientes"
En Marea cualifica as prazas convocadas por Educación como "insuficientes"

En Marea censura ademais "o desprezo da Consellería cara á negociación colectiva desbotando calquera suxestión por parte dos axentes sociais e ignorando, unha vez máis, as demandas do persoal interino

As 2.064 prazas anunciadas pola Xunta como oferta de emprego público para 2019 para Secundaria, o corpo de Infantil e Primaria, Formación Profesional e Ensinanzas de Réxime Especial non cobren as necesidades do ensino público galego e consolidan os recortes aplicados durante os últimos anos. "Non podemos falar de recuperación ata que nos devolvan todo o que nos quitaron coa excusa da crise", denuncia a deputada de En Marea no Parlamento de Galicia, Luca Chao.

Para En Marea a OPE de Educación tampouco vai servir para recuperar a porcentaxe de persoal interino que tiñamos antes da chegada do Partido Popular ao goberno, que non chegaba ao 5%. "Coa oferta actual, esta cifra quedará, aproximadamente, nun 10%", lembra Chao, "velaí o modelo de emprego público do Partido Popular, máis precariedade e menos dereitos".

En Marea censura ademais "o desprezo da Consellería cara á negociación colectiva desbotando calquera suxestión por parte dos axentes sociais e ignorando, unha vez máis, as demandas do persoal interino". "Dende En Marea seguimos reclamando que se atendan as demandas deste colectivo coa fin de artellar un plan de estabilización do profesorado galego que permita dar maior seguridade ás persoas que, durante anos, levan sostendo co seu traballo a educación das nosas fillas e fillos", subliña Luca Chao.

Por especialidades, En Marea saúda a oferta de catro prazas para o ensino de Portugués, aínda resultando claramente insuficientes para promover axeitadamente a súa aprendizaxe incumprindo o establecido na Lei Paz Andrade para o Aproveitamento da Lingua Portuguesa e Vínculos coa Lusofonia que se aprobou no Parlamento Galego en 2014. Doutra banda, "botamos en falla a convocatoria de prazas en especialidades que levan máis de dez anos sen convocarse como especialidades do corpo de música, artes escénicas, artes plásticas e deseño", sinala a parlamentaria de En Marea.

Comentarios
Lo más