“Unha mirada de antaño” achegará a Noia unha completa mostra con medio cento de imaxes, entre as que se atopan trece da vila

“Unha mirada de antaño” achegará a Noia unha completa mostra con medio cento de imaxes, entre as que se atopan trece da vila
“Unha mirada de antaño” achegará a Noia unha completa mostra con medio cento de imaxes, entre as que se atopan trece da vila

A exposición inaugurarase o próximo 1 de febreiro e poderase visitar ata o 3 de marzo na sala Francisco Creo da Sociedade Liceo

As instalacións da Sociedade Liceo de Noia acolleron a sinatura do convenio de colaboración entre o Concello de Noia, a Fundación Galicia Obra Social, Abanca Corporación Bancaria SA e a Sociedade Liceo de Noia para o achegamento á vila noiesa da exposición Unha mirada de Antano. Fotografías de Ruth María Anderson en Galicia. Unha firma realizada polo alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón; a coordinadora de Cultura da Fundación Galicia Obra Social, María Teresa Cores Fernández; o director de Banda Instituciona de A Coruña de Abanca Corporación Bancaria SA, José Manuel Vilariño; e o presidente da Sociedade Liceo, Óscar Prego.

Un acto no que estiveron acompañados pola concelleira de Facenda, Mariola López Cierto, e polos directores das oficinas de Abanca na Rúa Comercio, Rafael Cuña, e da rúa Pontevedra, Manuel Ronquete. A exposición poderase ver na sala Francisco Creo do Liceo de Noia entre os próximos días 1 de febreiro e 3 de marzo de 2019. Estará aberta ao público xeral en horario de luns a venres de 09.00 a 23.00 horas e os sábados, domingos e festivos, de 10.00 a 00.00 horas.

Na súa intervención, o alcalde noiés agradeceu ás distintas entidades implicadas a posibilidade de “traer á vila esta exposición fotográfica na que a nosa vila aparece amplamente retratada. Precisamente unha das imaxes é da Fonte da Porta da Vila que, de seguro, suscitará moito interese entre a nosa veciñanza”.

O presidente do Liceo de Noia tamén agradeceu “esta oportunidade única de acoller unha exposición fotografía de gran importancia a nivel fotográfico. Esta mostra permitiranos coñecer de primeira man como eran os xeitos de vida a principios do século pasado e tamén valorar o traballo desenvolvido por unha extraordinaria fotógrafa como Ruth María Anderson”, asegurou.

Dende Abanca, o coordinador institucional salientou a importancia de promover “o traballo de proximidade coa actividade social e cultural nas vilas”. Precisamente por ese motivo se desenvolven iniciativas coma esta exposición itinerante que chega ao Liceo noiés logo de percorrer outros puntos da xeografía galega.

“No caso concreto de Noia, a mostra conta cunha ampla representación, cun total de 13 fotografías”, explicou María Teresa Cores. A coordinadora de Cultura da Fundación Galicia Obra Social lembrou que o propio día da inauguración da mostra –o 1 de febreiro ás 20.30 horas- ofrecerase “unha visita guiada a todas as persoas que asistan a este acto”. Ademais, “achegarase esta exposición dun xeito lúdico e de interese ao alumnado dos distintos centros educativos, promovendo percorridos guiados e obradoiros” en torno a esta colección de instantáneas.

Medio cento de imaxes das catro provincias

A exposición Unha mirada de Antano. Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia, ofrece un percorrido polas catro provincias baixo a mirada desta fotógrafa. Esta colección é resultado das dúas viaxes que realizou a Galicia entre os anos 1924 e 1926. Nas súas instantáneas buscou reflexar os costumes do pobo galego a través das súas xentes.

A colección que se amosará entre os próximos 1 de febreiro e 3 de marzo na Sala Francisco Creo da Sociedade Liceo de Noia está composta por arredor de medio cento de fotografías das catro provincias de Galicia. Especial interese suscitarán as 13 instantáneas que reflexan a vida da vila a principios do século XX. Unha excelente oportunidade para achegarse á cultura e costumes daquela época.

Comentarios
Lo más