Hoxe botan a andar os obradoiros de empoderamento feminista e novas masculinidades no IES de Bertamiráns

Hoxe botan a andar os obradoiros de empoderamento feminista e novas masculinidades no IES de Bertamiráns
Hoxe botan a andar os obradoiros de empoderamento feminista e novas masculinidades no IES de Bertamiráns

Destinado ao alumnado adolescente do centro, o obxectivo é traballar con eles a conciencia de xénero mediante dinámicas participativas e teatrais

A Concellaría de Servizos Sociais e Igualdade, mediante o Centro de Información da Muller de Ames (CIM), e a ANPA do IES de Ames poñen en marcha hoxe xoves, 24 de xaneiro, unha serie de obradoiros de empoderamento feminista e novas masculinidades destinado ao alumnado adolescente do centro, co obxectivo de traballar con eles a conciencia de xénero mediante dinámicas participativas e teatrais. Os talleres serán impartidos polo grupo de Teatro dxs oprimidxs 100tolas os xoves de febreiro e marzo en horario de 17.00 a 19.00h.

Hoxe xoves 24 de xaneiro, arrinca o programa de obradoiros de empoderamento feminista e novas masculinidades no IES de Bertamiráns, a partir das 17.00h. A iniciativa está organizada polo Centro de Información da Muller de Ames en colaboración coa Asociación de Nais e Pais de Alumnos IES de Ames, e ten como obxectivo que os rapaces e rapazas tomen conciencia dos roles sexistas que xoga cada persoa, comprender de onde veñen socialmente, e comezar a tomar conciencia de cando, como, e para que os utilizamos na nosa vida.

Os talleres, que terán lugar os xoves de febreiro e marzo, en horario de 17.00 a 19.00 horas, irán destinados a que as mozas e mozos traballen de xeito conxunto para desmecanizar o corpo e, así, conseguir desvelar a presencia de actitudes opresoras atendendo aos xéneros. De seguido, separarase o grupo por sexos e faranse dúas sesións diferenciadas.

Coas rapazas traballarase o empoderamento feminista, ao tempo que se lles ofrecen ferramentas en materia de prevención, autocoidado e autoxestión no ámbito da corporalidade; mentres que cos rapaces o traballo irá encamiñado a deconstruir e analizar as masculinidades hexemónicas. Para rematar, realizarase unha sesión conxunta destinada a traballar a convivencia positiva, as relacións de bo trato e o respecto.

Empoderamento feminino e novas masculinidades

Ao longo de febreiro e marzo, pretenderase que as adolescentes teñan de referencia o seu corpo como unha área básica e vital, e poidan incorporar unha identidade persoal á hora de relacionarse, tendo como referencia a corporalidade, a sensibilidade e a autoxestión. Para elo, durante os talleres realizaranse exercicios adaptados cos que se traballarán aspectos como a flexibilidade, a forza corporal e a expresión de movementos para tentar corrixir as distintas descompensacións derivadas dos malos hábitos posturais.

No tocante ás sesións dirixidas aos mozos, explorarase o que significa ser home na sociedade global de hoxe en día, como está relacionada co noso modo de vida e o que implica. Así, traballarase a apertura dos rapaces cara o bo trato consigo mesmos, como base dende a que impulsar ese trato en positivo co resto, desterrando as violencias machistas.

A educación, investimento fundamental

Con motivo desta iniciativa, a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, afirma que “a educación supón un verdadeiro investimento na prevención da violencia e no establecemento de relacións igualitarias entre homes e mulleres, e de aí que apostemos por este tipo de obradoiros entre a mocidade, esperando que este tipo de iniciativas contribúan a que os mozos e mozas sexan máis conscientes dos procesos de construción social das identidades de xénero, reflexionando sobre o seu papel na creación dunha sociedade igualitaria e facendo fincapé en que este labor non é un asunto exclusivo das mulleres, senón que atinxe a ambos sexos por igual”.

Asemade, a concelleira comenta que, se ben é certo que agora “existe unha maior visibilidade da violencia de xénero e do incremento da preocupación cidadá e política pola erradicación da mesma, seguimos vendo no día a día como a violencia machista contra as mulleres segue a ser unha realidade, con independencia de grupos sociais, económicos ou culturais”, debido a que “a violencia contra as mulleres é o resultado dun xeito de entender a condición masculina e feminina que, historicamente, se construíu en base a relacións de dominación e subordinación, outorgando aos homes todo tipo de privilexios e beneficios”.

Polo tanto, para erradicar esta situación, dende a Concellaría “creemos que é necesario replantexarnos os valores tradicionalmente masculinos e femininos que aínda hoxe están presentes na nosa sociedade, modificando esas actitudes, condutas e estereotipos aprendidos ao longo da vida e que poden desembocar na violencia contra as mulleres”.

Para loitar contra isto, Luísa Feijóo considera que “é moi necesario seguir desenvolvendo, ao longo de todo o ano, accións que fagan reflexionar sobre outras maneiras de entender e vivir a feminidade e a masculinidade, que lles permita aos mais novos desenvolver aptitudes e capacidades máis alá da imposición dos modelos tradicionais. Así, as nenas deben crecer libres do estereotipo da submisión e da dependencia, tanto económica como emocional ou sentimental, ao tempo que os nenos non deben quedar atrapados no estereotipo da autoridade e da independencia, ás veces tan sesgado y limitador”.

Comentarios
Lo más