Comezou en Ciencias da Educación o Simposio Internacional de Educación Musical e Materiais Didácticos

Comezou en Ciencias da Educación o Simposio Internacional de Educación Musical e Materiais Didácticos
Comezou en Ciencias da Educación o Simposio Internacional de Educación Musical e Materiais Didácticos

Celébrase os días 24 e 25 na sede da Facultade en Campus Vida

O Simposio Internacional de Educación Musical e Materiais Didácticos celébrase estes días na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida) organizado conxuntamente pola International Association for Research on Textbook and Educational Media (IARTEM), o grupo Stellae-USC e coa colaboración da SEM-EE (Sociedade para a Educación Musical do Estado Español).


A vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo, presidiu este xoves a sesión inaugural na que tamén participaron o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira López; o presidente de IARTEM, o profesor da USC Jesús Rodríguez Rodríguez; a directora do grupo Stellae, Adriana Gewerc Barujel; a secretaria da SEM-EE, Silvana Longueira Matos; e a coordinadora do simposio, Rosa María Vicente Álvarez.


Este simposio xorde da necesidade de dar visibilidade ás investigacións educativas acerca dos materiais musicais, dende o grupo de música de IARTEM e o grupo de Investigación Stellae, coa finalidade de ofrecer un espazo común para o debate a todo o profesorado e persoal investigador interesado na temática. As persoas participantes, procedentes de diversos países, poderán formar parte do núcleo dunha rede futura que posibilitará levar a cabo análises comparadas entre países, destacando as diferencias e semellanzas, entre outras accións.


Neste senso, o encontro pretende constituírse nun marco de transferencia educativa adecuado para promover o coñecemento e establecer novas implicacións e/ou colaboracións entre grupos e persoas de diferentes etapas educativas e realidades socio-culturais musicais. A finalidade é establecer sinerxías e contribuír a enriquecer o traballo de diferentes investigacións e experiencias no ensino de réxime xeral e especial nos diversos ámbitos da educación musical.


Programa

Logo do acto de inauguración, a partir das 10.00 horas comezou unha mesa redonda dedicada ao materiais didácticos na educación musical, para a súa análise en perspectiva internacional, á que seguiu unha sesión para a presentación de comunicacións. Xa pola tarde, dende as 16.00 horas, Susan Young (Universidade de Exeter) reflexiona sobre o futuro da tecnoloxía na educación musical. A partir das 18.00 celébranse dous obradoiros: o primeiro co lema ‘O movigrama. Movemento e danza a través da Educación musical’ e un segundo sobre ‘Unha viaxe musical polo mediterráneo. Sons, historias e metodoloxías para a ensinanza e a aprendizaxe da música infantil’. Esta primeira sesión rematará coa celebración do concerto infantil Cantos en Tubos.



A sesión do venres 25 comezará ás 9.30 horas propoñendo unha aproximación aos estudos en materiais didácticos de educación musical en Galicia e continuará coas suxestións que achegará a partir das 10.30 horas Marwa Abdelsalam Soleiman Hassan sobre pautas con apoio de materiais visuais para a ensinanza de cancións folclóricas exipcias con Euritmia. A xornada matinal complétase con obradoiros paralelos de demostración.


Lectura performance e a escritura de libros de texto de música e construción de materiais didácticos de música son algúns dos temas que completarán o programa na tarde do venres.

Comentarios