O centro de compostaxe municipal comeza a funcionar no viveiro de Barouta de Ames

O centro de compostaxe municipal comeza a funcionar no viveiro de Barouta de Ames
O centro de compostaxe municipal comeza a funcionar no viveiro de Barouta de Ames

Esta iniciativa xurde co obxectivo de reducir e reutilizar os restos de residuos orgánicos xerados polos comedores e cociñas escolares do concello de Ames. Trátase dun proxecto, deseñado polas Concellarías de Medio Ambiente e Educación, que está supervisado por ADEGA

Onte o concelleiro de Medio Ambiente, Javier García, o concelleiro de Educación, David Santomil, a técnica municipal de Medio Ambiente, Patricia Reboreda, e a técnica de Educación Rosana Martínez, achegáronse ata o viveiro de Barouta para comprobar a posta en marcha do proxecto de compostaxe comunitario municipal. Esta iniciativa xurde co obxectivo de reducir e reutilizar os restos de residuos orgánicos xerados polos comedores e cociñas escolares do concello de Ames. Trátase dun proxecto, deseñado polas Concellarías de Medio Ambiente e Educación, que está supervisado por ADEGA.

O funcionamento comeza coa recollida, en días alternos (os luns, mércores e venres), dos restos orgánicos xerados polos comedores escolares (nas cociñas da EEI do Milladoiro e do CEIP Agro do Muíño). A recollida realízase en contedores herméticos, que son levados ao viveiro. No centro, un/unha mestre/a compostador/a mistura os restos da cociña con materia vexetal e auga, para despois airealo se é necesario. Para a elaboración de compost utilízanse os restos de alimentos que son mesturados con estrutúrante (restos de material vexetal que quedan da poda de árbores que son triturados coa biotrituradora municipal). A separación dos restos alimenticios en orixe é fundamental. Tamén é importante remover o compost para osixenalo e cubrilo con follas de árbores. Para obter compost, hai que realizar este proceso arredor de 5 meses.

O viveiro conta con 12 composteiros comunitarios (6 composteiros teñen unha capacidade de 800 litros e 6 de 320 litros), nos que os restos procedentes das cociñas municipais son convertidos en compost, que despois pode utilizarse como abono orgánico e substrato de cultivo. Na actualidade, están instalados 3 composteiros de 800 litros no viveiro de Barouta. O resto iranse instalando progresivamente en función da súa necesidade. Ademais, instalouse un composteiro de 320 no CEIP de Barouta e vaise instalar outro das mesmas dimensións na escola unitaria de Covas. Nos centros de ensino tamén se formou ao profesorado para poder facer compost. Este proxecto foi deseñado polas Concellarías de Medio Ambiente e Educación e está supervisado por ADEGA.

Proxecto supervisado por ADEGA

Na actualidade, unha técnica de ADEGA encárgase de supervisar como se executa o proceso de elaboración de compost. Ademais, esta técnica está formando a un mestre/a compostador/a da empresa Dixardín, para que saiba facer compost cando dita técnica non supervise o proxecto. En catro días xa se recibiron arredor de 260 quilos de restos orgánicos das cociñas dos comedores.

O abono empregarase nas hortas urbanas municipais, xardíns e hortos dos colexios, e se sobra, os veciños/as tamén poderán solicitar o uso de dito compost. Antes da colocación dos composteiros achanzouse o terreo e formouse unha soleira de grava e area para que o terreo drene ben e non se acumule auga no lugar.

O concelleiro de Medio Ambiente, Javier García, explicou que “100 quilos de restos orgánicos producen entre 20 e 30 quilos de compost. Faise necesario liberar á planta de Lousame de toda esa cantidade de lixo orgánico que, a través deste proxecto xa non vai para alí, o que supón unha redución de custes para as arcas públicas”. Ademais da labor medioambiental, tamén quixo poñer o foco na labor divulgativa que se realizará arredor deste centro, “para que os nosos pequenos e pequenas vexan, practiquen e aprendan sobre este proceso e leven estes hábitos tan saudables ambientalmente ás súas casas, na medida do posible”.

Implicación dos colexios amesáns

A través deste proxecto pretendeuse implicar a toda a comunidade escolar dos CEIPs de Ames, coa realización de intervencións nos centros e diversas actividades de horta e compost na Aula da Natureza, ademais de accións destinadas a dar a coñecer este método nos fogares amesás. Asemade, os mestres compostadores foron formados sobre a elaboración de compost e a resolución de incidencias, mentres que o persoal de cociña e os monitores de comedor asistiron a varias charlas informativas sobre o proceso.

Para a posta en marcha desta iniciativa, o Concello de Ames contou co apoio das liñas de financiamento do Plan de Impulso ao Medio Ambiente (PIMA), outorgadas polo Ministerio de Medio Ambiente para a Transición Ecolóxica. Deste xeito, recibiuse unha axuda de 7.311 euros para mercar 12 composteiros; actividades de formación; programa de difusión nos centros escolares, e charlas informativas ao persoal de cociña.

O concelleiro de Educación, David Santomil, destacou “trátase dun proxecto pioneiro de aproveitamento de restos orgánicos dos comedores escolares, que busca reducir a cantidade de lixo que se tira nos contedores urbanos. Así, esta é unha clara aposta polo medio ambiente, a compostaxe e a xestión de residuos orgánicos. Con esta iniciativab conxunta de ambas Concellarías tamén se busca a posta en valor do viveiro de Barouta e a redución de custos en abonos para as zonas verdes do concello”.

Comentarios