Segundo día de encerro dos membros do comité de empresa de Meirama en Ordes

Segundo día de encerro dos membros do comité de empresa de Meirama en Ordes
Segundo día de encerro dos membros do comité de empresa de Meirama en Ordes

En total son 15 as persoas que participan nesta acción reivindicativa coa que están a manifestar a súa desconformidade coa empresa Naturgy tras anunciar o peche da planta de Meirama (Cerceda) de cara ao verán de 2020

O comité de empresa da central térmica de Meirama permanece pechado por segundo día consecutivo no salón de plenos do Concello de Ordes. En total son 15 as persoas que participan nesta acción reivindicativa coa que están a manifestar a súa desconformidade coa empresa Naturgy tras anunciar o peche da planta de Meirama (Cerceda) de cara ao verán de 2020. Esta rexeitou levar a cabo o investimento necesario para reducir as emisións da planta de carbón e poder cumprir así coa normativa vixente.

Deste xeito tamén se quere reclamar que a dita empresa invista para non pechar a central. “O peche da térmica afecta a 77 postos de traballo directos, 60 auxiliares nas mesmas instalacións”, afirma Bautista Vega, presidente do comité. A estas cifras hai que sumarlle tamén os postos indirectos, os cales se estiman nuns 300.

«Meirama é unha planta estratéxica para a xeración da enerxía eléctrica. A súa desaparición suporá un grave impacto económico e laboral tanto nas comarcas afectadas, como na provincia da Coruña e en xeral en Galicia”. Bautista Vega asegura tamén que Galicia “ pasará de ser excedentaria na produción de enerxía eléctrica a ser deficitaria».

SAÍDAS NEGOCIADAS

Naturgy garante a recolocación de 40 empregados mediante traslados, e saídas negociadas para os demais. Tamén presentou un plan duns 80 millóns de euros para construír un parque eólico e unha planta de biogás, unha medida “que non garante o traballo porque ese tipo de parques só xeran emprego mentres se constrúen porque despois pódeos levar unha soa persoa” asegura Bautista Vega.

Dende o comité de empresa tamén se reclama a implicación dos gobernos central e autonómico para atopar unha solución. “Non podemos esquecer o compromiso que Naturgy adquiriu con Galicia hai catro anos diante do presidente da Xunta de Galicia, co mantemento do enclave industrial de Meirama”, afirma Lisardo Veiras, membro do comité de empresa. “Naturgy non pode esquecer todo o que lle ten dado Galicia, polo que lle pedimos que se manteña fiel ás súas palabras e conserve os postos de traballo”, reclama o tamén axudante técnico de operación durante 39 anos.

Comentarios