A Audiencia condena a tres anos de cárcere a unha muller que transportaba droga e provocou unha aterraxe forzosa en Lavacolla

A Audiencia condena a tres anos de cárcere a unha muller que transportaba droga e provocou unha aterraxe forzosa en Lavacolla
Foto de arquivo
A Audiencia condena a tres anos de cárcere a unha muller que transportaba droga e provocou unha aterraxe forzosa en Lavacolla

A acusada provocou unha aterraxe forzosa en Lavacolla tras quedar inconsciente no voo como consecuencia da rotura dun ou varios dos recipientes que contiñan a droga

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, condenou a tres anos de cárcere e ao pago dunha multa de 55.327 euros a unha muller que viaxaba desde a República Dominicana a Milán con 55 cilindros de cocaína no interior do seu corpo. A acusada provocou unha aterraxe forzosa en Lavacolla tras quedar inconsciente no voo como consecuencia da rotura dun ou varios dos recipientes que contiñan a droga. Unha vez desembarcada en Santiago, trasladárona en ambulancia ao Hospital Clínico Universitario, onde a interviñeron ao advertir radioloxicamente a presenza de corpos estraños no seu organismo.

A cocaína que extraeron da súa vaxina e aparello dixestivo alcanzaría un prezo de venda no mercado ilícito de 52.368 euros, segundo indica o tribunal na sentenza. Os policías que acudiron ao hospital recolleron os efectos persoais da doente, entre eles o seu bolso, en cuxo interior estaban tres cilindros que expulsara no avión. O valor de venda da substancia que contiñan sería de 2.958 euros.

A defensa da sospeitosa cuestionou a xurisdición dos tribunais españois para axuizar os feitos. A Audiencia, con todo, indica na resolución que é competente porque “a conduta de portar droga se desenvolveu, entre outros lugares, no territorio español e no municipio de Santiago”. Os maxistrados rexeitaron ter en conta a atenuante de confesión, pois explican que o recoñecemento dos feitos foi “tardío” e que non achegou novos datos á investigación. Así, subliñan que as probas alleas á declaración da imputada sobre a tenza da droga son “clamorosas” e que non ofreceu “ningún dato concreto sobre a identidade ou circunstancias de quen lle proporcionou a droga ou dos seus destinatarios”.

O tribunal tampouco tivo en conta a atenuante de drogadicción. “Consumos esporádicos non equivalen a unha grave adicción, o que tamén é coherente con que desde o seu ingreso en prisión non recibise tratamento por tal suposto grave problema, como expresou”, salienta a Audiencia.

Comentarios
Lo más