A pegada dos paradores no turismo en España, a análise nun simposio internacional

A pegada dos paradores no turismo en España, a análise nun simposio internacional
A pegada dos paradores no turismo en España, a análise nun simposio internacional

Terá lugar entre os días 29 e 31 de xaneiro no Hostal dos Reis Católicos. A inauguración será o martes ás 9.30 horas

Especialistas en patrimonio cultural e turismo abordarán a traxectoria da rede de Paradores no I Simposio Internacional ‘Paradores, turismo e cultura. Rumbo ao centenario’ que, organizado polo grupo de investigación Iacobus da USC e Paradores de Turismo de España, terá lugar entre os días 29 e 31 de xaneiro no Hostal dos Reis Católicos. A inauguración será o martes ás 9.30 horas.

O encontro centrará a súa atención na pegada que esta rede hostaleira ten deixado no turismo de España pero tamén como un espazo de reflexión arredor da valorización do seu potencial cultural, polo seu interese dende os puntos de vista patrimonial, artístico, histórico, arquitectónico, económico ou xeográfico, entre outros. O programa contempla un total de 26 relatorios de carácter científico organizados arredor de tres bloques temáticos: paradores e o patrimonio cultural; territorio e cultura; e xestión turística.

Dirixido pola doutora Patricia Cupeiro López, premio extraordinario de doutoramento da USC na área de Arte e Humanidades pola súa tese sobre renovación monumental en Paradores, o simposio reúne a especialistas do ámbito nacional xunto a relatores/as internacionais como Ana Cristina dos Santos Tostões (Instituto Superior Técnico de Lisboa/presidenta do DOCOMOMO), Carolina de Falco (Universidade de Campania Luigi Vanvitelli), Susana Lobo (Universidade de Coimbra) e Luigi Coccia (Universidade de Camerino).

A actividade está recoñecida pola comisión académica do programa de doutoramento ‘Protección do patrimonio cultural’ con dez horas lectivas, estando pendente o recoñecemento para créditos ECTS. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición a través da web do encontro, sendo de balde ata completar o aforo.

Comentarios
Lo más