Conferencia da Profesora María Xesús Lama (Univ. de Barcelona) en “Os Luns do Ateneo”
O traballo premiado aborda a biografía de Rosalía dende o seu nacemento ata a publicación de Cantares gallegos
O pasado 8 de novembro, o Xurado designado polo Ministerio de Cultura do Goberno de España decidiu conceder o Premio Nacional de Ensaio á Doutora María Xesús Lama (Lugo, 1964), Profesora de Literatura Galega na Universidade de Barcelona, polo seu libro Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-1863), publicado pola Editorial Galaxia.
O traballo premiado aborda a biografía de Rosalía dende o seu nacemento ata a publicación de Cantares gallegos (1863); na actualidade, a profesora Lama prepara a segunda parte desa biografía, que se ocupará da etapa en que a autora de Follas novas acada a súa consagración como figura fundamental das nosas letras, ata o seu falecemento en 1885.
Hoxe luns, 28 de xaneiro, a Profesora Lama intervirá en “Os Luns do Ateneo”, na sala de Afundación (Rúa do Vilar, 19), ás 20.00 horas, cunha conferencia titulada “Rosalía de Castro: en busca da biografía perdida”.