Lousame retoma o programa gratuíto “Educando en familia”, tras o parón do Nadal

Lousame retoma o programa gratuíto “Educando en familia”, tras o parón do Nadal
Lousame retoma o programa gratuíto “Educando en familia”, tras o parón do Nadal

As sesións terán lugar os martes, de 11:00 a 12:30, no PAI de Lousame. Inscricións nos Servizos Sociais ou no 981 820 494

O Concello de Lousame retoma, tras o parón do Nadal, o programa “Educando en Familia”, unha actividade socioeducativa totalmente gratuíta e que está dirixida a familias de Lousame con fillos e fillas de 0 a 3 anos. As sesións terán lugar todos os martes, de 11:00 a 12:30 horas, no Punto de Atención á Infancia de Lousame (Tállara) e aínda quedan prazas dispoñibles. Para anotarse, só é preciso dirixirse aos Servizos Sociais de Lousame ou chamar ao 981 820 494.

A concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, explica que “a actividade consiste na creación dun espazo para o encontro e a formación en temas relacionados coa primeira infancia: normas, límites, linguaxe, a importancia do xogo... Un lugar onde as familias podemos tamén intercambiar experiencias”. As clases, que terán lugar semanalmente durante 1:30 horas, inclúen actividades e xogos en grupo que “ademais de propiciarlles ferramentas e coñecementos aos pais e nais, tamén servirán de resposta para as necesidades das crianzas”, sinala a concelleira.

Este é o terceiro ano consecutivo no que o Concello de Lousame organiza esta actividade para familias con nenos/as menores de 3 anos. As sesións son impartidas pola educadora familiar de Lousame, Pilar Calvo, que ao final de cada sesión inclúe unha titoría individualizada para que as familias poidan resolver calquera dúbida. Neste sentido, Pilar Calvo explica que “intentamos que as sesións sexan moi grupais, para que todos aporten a súa experiencia e nós proporcionarémoslles as ferramentas que sexan precisas para mellorar no posible. A educar tamén se aprende, porque os nenos non veñen cun manual de instrucións debaixo do brazo”.

Comentarios
Lo más