A programación teatral de Ames para o primeiro semestre do ano inclúe monólogos, musicais, e un amplo abano de pezas infantís e adultas

A programación teatral de Ames para o primeiro semestre do ano inclúe monólogos, musicais, e un amplo abano de pezas infantís e adultas
A programación teatral de Ames para o primeiro semestre do ano inclúe monólogos, musicais, e un amplo abano de pezas infantís e adultas

O programa conten pezas orientadas tanto a un público familiar como a un público máis adulto

A Concellaría de Cultura do Concello de Ames deseñou para a primeira metade do 2019 unha programación composta por nove pezas teatrais orientadas tanto a un público familiar como a un público máis adulto. Así, a obra Da avaricia, a luxuria e a morte, de Teatro do Noroeste, foi a encargada de inaugurar dita programación o pasado venres. Por diante, quedan oito pezas que se representarán entre os meses de febreiro a abril.

Así, a vindeira obra en ser representada será Loló e Mamá, de De ste xeito Producións. A peza, interpretada polas actrices Josi Lage e Stephy Llaryona, representarase o 1 de febreiro na Casa da Cultura do Milladoiro. A historia xira en torno ao vínculo nai-filla, e a situación que se desata cando Mamá, reporteira de guerra, queda no paro e decide instalarse na casa da súa filla, Loló, ao outro lado do océano.

O que semella a mellor idea posible para xuntar a unha familia de por si desestructurada pronto muda en desastre. Así, como acolle unha filla a volta da súa nai? Quen é a nai e quen a filla cando é esta última a que ofrece casa e sustento? Canto tempo pode pasar até que esta bomba de reloxería estoupe definitivamente? Loló e Mamá fainos ver, grazas a un humor fino e acedo, que as cousas case sempre son máis difíciles do que nos gustaría e, sobre todo, que canto máis se ama, máis se sofre.

O venres seguinte, 8 de febreiro, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá ás 18.00h A fiestra dos soños, un concerto para soñadores. A peza, a cargo do grupo Trotamundos, consistirá nun conxunto de trece poemas a través do que se busca, de xeito sinxelo pero sen fuxir de metáforas, pintar máis que narrar. Así os versos, que supoñen un canto á natureza, convértense en cancións que recollen todo tipo de influencias e ritmos, variedade de compases, cambios de tonalidade... influenciadas polas músicas populares do mundo.

Desta maneira, a composición busca non menosprezar a intelixencia das pequenas e pequenos. Este obxectivo empurra a que numerosos exercicios de memoria, trabalinguas, e outras composicións deste estilo se camuflen entre os poemas.

Por outra banda, O Mago de Oz será o encargado de pechar a oferta teatral de febreiro o venres 15, ás 18.00h. Evento Producións Musicais leva ás táboas da Casa da Cultura do Milladoiro este clásico musical que nos presenta a Dorothy, unha nena que non cree na maxia ata que un día, un tornado a transporta ao mundo máxico de Oz. Así, pouco a pouco, farase amiga de Espantallo, Homelata e León, ao tempo que tentará atopar ao Mago de Oz e, desa maneira, regresar a casa.

Durante 65 minutos, o público familiar poderá gozar de cancións, bailes, aventuras e moita diversión.

Programación en marzo e abril

A programación proseguirá en marzo, coa obra A leituga, de Emedous, apoiada no texto de César Sierra e baixo a dirección de Víctor Duplá. O elenco, integrado por Antonio Durán ‘Morris’, Federico Pérez, María Vázquez, Mercedes Castro e Xosé Barato; danse cita o día 15, ás 21.00h, na Casa da Cultura de Bertamiráns para falar de temas como a responsabilidade familiar, a felicidade, a eutanasia, a vida e a morte ou a decadencia da propia familia.

Así, A leituga aborda, en clave de humor, a realidade dunha familia a través dos diversos puntos de vista dos seus cinco membros, poñendo sobre a mesa os vínculos, lealdades e deslealdades, contas pendentes, asuntos non resoltos, parellas, irmáns, pais e fillos, e sentimentos como a culpa, o rancor e o sacrificio. Todo elo para abordar un conflito familiar moi común: que facer cos pais cando se achegan á morte? Unha cuestión onde tanto a moral como a ética xogan un importante papel.

O venres seguinte, 22 de marzo ás 21.00h, será a quenda de Anatomía dunha serea, do grupo Chévere, no Milladoiro. Esta peza autobiográfica, contada pola súa protagonista, Iria Pinheiro, é unha denuncia da violencia obstétrica que sufriu a actriz durante o parto do seu primeiro fillo, contado de xeito directo, aberto e autocrítico.

Así, Iria explica en que consiste este tipo de violencia, que abarca calquera acción que patoloxice os procesos reprodutivos naturais e biolóxicos, e que se traduce nun trato deshumanizado por parte dos profesionais da saúde durante o embarazo e/ou o parto. Un berro sobre a medicalización da maternidade, a desigualdade de xénero e outros moitos temas que a protagonista e moitas outras mulleres viviron en primeira persoa, e que deixaron secuelas tanto físicas como psicolóxicas.

Por outra banda, o 29 de marzo, Elefante Elegante trae á Casa da Cultura de Bertamiráns a peza infantil Patapatum, unha reflexión sobre a presenza dos bens materiais nas relacións entre pais e fillos. Así, esta peza propón unha reflexión sobre aquelas nais e pais que, cun relativo poder económico, ofrécenlle moreas de xoguetes aos seus cativos/as e estímulos permanentes para evitar o aburrimento e conseguir a súa felicidade. Sen embargo, a peza tentará mostrar que o aburrimento non sempre é negativo, xa que pode ser impulsar a creatividade das crianzas, e que os bens materiais non teñen a capacidade para resarcir a falta de tempo que os proxenitores poden adicarlle aos seus fillos.

En abril, será a quenda do espectáculo Arlequina, que combina o traballo de actor coa pantomima de marionetas e a música en directo, e que xira en torno ás aventuras de Arlequina en busca da súa identidade. A representación terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro o venres 5, ás 18.00 horas. Ese mesmo mes, o venres 12 ás 21.00h, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá unha revisión dos mellores monólogos de Carlos Blanco, nos que o actor introducirá elementos de actualidade e improvisación.

Entradas xa dispoñibles na Billeteira

As entradas para acudir a calquera dos oito espectáculos que forman parte desta programación da primeira metade do ano, xa poden adquirirse a través da Billeteira electrónica.

Así, os billetes teñen un custo de entre 4 e 5 euros, con descontos do 50% para persoas maiores de 65 anos, menores de 12 e estudantes con carné. Asemade, o 10% das entradas resérvanse, como é habitual, para vender de xeito presencial unha hora antes do comezo do espectáculo.

Comentarios