Preto de 70.000 euros para a mellora da accesibilidade no pavillón polideportivo do Milladoiro

Preto de 70.000 euros para a mellora da accesibilidade no pavillón polideportivo do Milladoiro
Preto de 70.000 euros para a mellora da accesibilidade no pavillón polideportivo do Milladoiro

O proxecto das obras de accesibilidade universal no pavillón polideportivo do Milladoiro contempla a creación dun aparcamento adaptado nos xa existentes

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación das obras de mellora da accesibilidade universal no pavillón polideportivo do Milladoiro. O proxecto ten un custo de 68.500 euros, IVE incluído, e está sufragado a través do Plan único de concellos “POS+ 2018”. Os traballos serán executados pola empresa Construcciones Iglesias Mera SL.

Deste xeito, o goberno municipal continúa apostando polo investimento en mellora da accesibilidade, logo dos traballos desenvolvidos en varias instalacións do Milladoiro, na Casa do Concello, praza do Concello, e na praza da Maía, en Bertamiráns, así como nas instalacións da praia fluvial de Tapia.

O proxecto das obras de accesibilidade universal no pavillón polideportivo do Milladoiro contempla a creación dun aparcamento adaptado nos xa existentes, que cumpra a normativa coas súas dimensións e bandas perfectamente delimitadas e pintadas, así como o acceso á beirarrúa con paso de peóns adaptado. No espazo próximo á entrada onde se atopa o soportal norte do edificio, proponse a ubicación dun ascensor exterior, cunha estrutura envolvente metálica.

Habilitarase un espazo superior próximo ao ascensor onde ubicarse para exercer de espectadores dos eventos os usuarios en cadeiras de rodas. O ascensor terá unha cabina cun lateral acristalado e o resto opacos de chapas de aceiro, resolto o illamento e a ventilación en condicións de total impermeabilización.

Os traballos contemplan tamén a reestruturación dos aseos públicos da planta superior redefinindo os espazos e creando un aseo adaptado por sexo. Asemade, levarase a cabo a remodelación dos espazos e divisións en vestiarios para permitir un aseo completo adaptado por sexo que dispoña de ducha adaptada coas súas barras, asento, sumidoiro e tipo de pavimento apto de maneira integrada, ademais da adaptación de portas existentes onde proceda. 

Será necesario colocar, dado o seu mal estado, uns novos accesorios dos aseos existentes en vestiarios, incluíndo unha partida de sinaléctica para as entradas dos aseos, tanto nos novos adaptados ou remodelados coma nos existentes en vestiarios que non se modifiquen para unha mellor comprensión.

Para a inclusión dos aseos completos adaptados con ducha débense facer obras de reforma de tabiquerías, instalacións de saneamento e agua potable, e reacondicionamento de espazos adxacentes. Por último, levarase a cabo a adaptación física do mostrador de atención en conserxería para persoas con discapacidade.

Comentarios
Lo más