Os futuros médicos galegos coñecerán o valor das augas mineromedicinais

Os futuros médicos galegos coñecerán o valor das augas mineromedicinais
Os futuros médicos galegos coñecerán o valor das augas mineromedicinais

A materia de Hidroloxía Médica comezou a impartirse na Universidade de Santiago en 2006, froito dun acordo coa Asociación de Balnearios de Galicia

A Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia inicia o vindeiro día 15 de febreiro un novo curso académico formando aos futuros facultativos na cura termal.

A materia de Hidroloxía Médica comezou a impartirse na Universidade de Santiago en 2006, froito dun acordo coa Asociación de Balnearios de Galicia. Catro anos despois nacía, co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, a Cátedra de Hidroloxía Médica, a segunda que existía en España, e que forma cada ano a máis dun centenar de alumnos. Este ano o número de prazas aumentouse a 140.

O director da Cátedra é o doutor Juan Gestal Otero, Profesor Emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago. Salienta “a importancia de iniciar aos alumnos na utilización desta modalidade de terapia na súa práctica médica”. Nesta liña, os futuros médicos coñecerán as indicacións terapéuticas dos distintos tipos de augas mineromedicinais que existen nos balnearios galegos.

Os alumnos, todos eles de sexto curso do Grao de Medicina, participarán en sesións teóricos-prácticas de fin de semana, ao longo dos meses de febreiro en marzo, en sete balnearios da comunidade. Trátase dos balnearios ourensáns de Laias (no concello de Cenlle) e Arnoia; os pontevedreses de Mondariz, Termas de Cuntis e Caldelas de Tui; e os lucenses de Augas Santas (Pantón) e Balneario de Lugo-Termas Romanas.

Nestas sesións, impartidas polos directores médicos e profesionais de cada centro, abordarase o valor terapéutico das augas mineromedicinais no tratamento da dor, nas patoloxías reumáticas, nos procesos de rehabilitación, así como os seus beneficios de cara a un avellentamento activo. Tamén se afondará en diferentes terapias e técnicas termais, ao tempo que se presentarán as indicacións actuais da balneoterapia nos procesos crónicos e na promoción xeral do benestar. Ademais, os participantes achegaranse ao termalismo pediátrico.

Comentarios