A primeira edición da “BTT OEA – Concello de Ames 2019” contou coa participación de máis de 240 ciclistas

A primeira edición da “BTT OEA – Concello de Ames 2019” contou coa participación de máis de 240 ciclistas
A primeira edición da “BTT OEA – Concello de Ames 2019” contou coa participación de máis de 240 ciclistas

A proba contou cunha duración de tres horas e transcorreu por un  circuíto semi-urbano duns sete quilómetros cun desnivel positivo acumulado por volta de 90 metros

Máis de 240 persoas participaron este domingo, 3 de febreiro, na proba de resistencia en bicicleta de montaña organizada polo Club Ciclista Os Esfola Arrós, en colaboración co Concello de Ames e a empresa Team Relay. A localidade de Bertamiráns acolleu esta proba, que contou cunha duración de tres horas e transcorreu por un circuíto semi-urbano duns sete quilómetros cun desnivel positivo acumulado por volta de 90 metros. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás consultar as clasificacións desta proba deportiva.

A localidade de Bertamiráns acolleu este domingo, 3 de febreiro, a primeira edición da proba de resistencia “BTT OEA – Concello de Ames 2019”, cuxa liña de meta estivo situada no parque do Pedregal, nos arredores da praza da Maía. A proba contou coa participación de máis de 240 persoas, inscritos para realizar a carreira ou ben por parellas ou de xeito individual. O percorrido da proba consistiu nun circuíto semi-urbano duns sete quilómetros cun desnivel positivo acumulado por volta de 90 metros, que tamén contou con zonas con obstáculos, tanto naturais como artificiais, co obxectivo de aumentar o compoñente lúdico da proba.

Dentro da proba por parellas, o gañador da categoría masculina foi o equipo Burgas Coluer Factory Team B, con once voltas en 2h57:54.783. Seguírono os Kenta Team con outras once voltas completas en 2h57:59.529. A terceira posición foi para Jorge e Uxío do equipo amésa Os Esfola Arrós Power con 10 e un tempo de 2h44:01.701. Na cuarta posición quedou o equipo Burgas Coluer Factory Team con 10 en 2h45:59.884 e, en quinta posición, Master Galaico con 10 voltas completadas en 2h51:41.506. Asemade, na subcategoría mixta, a clasificación quedou co Bacasteam 82&62 en primeiro lugar con sete voltas en 2h46:21.990, seguido da parella Somos o Demo, co mesmo número de voltas e un tempo de 2h52:47.818. Na subcategoría feminina, non se clasificou ningunha parella.

Clasificación proba individual

No tocante á proba individual, esta estivo formada por cinco categorías en función da idade dos participantes. Así, os ciclistas nados entre o 2000 e o 2002 participaron na categoría xuvenil, entre 1990 e 1999 na sénior, de 1980 a 1989 en veteranos A, de 1970 a 1979 en veteranos B, de 1950 a 1969 en veteranos C. Asemade, cada unha destas categorías estivo subdividida en dous grupos: feminino e masculino.

Así, na subcategoría xuvenil masculina, o gañador foi Roi López con 10 voltas, mentres Daniel García e Sergio García ocuparon o segundo e terceiro posto, con 9 voltas cada un. En canto á feminina, a única clasificada foi Sara García, con 7 voltas. O gañador da categoría sénior masculina foi Ismael Costa, seguido de Iván Calvo e Alexis Gesto; os tres conseguiron completar 9 voltas nas tres horas da proba. Na subcategoría veteranos A, na clasificación masculina o mellor tempo foi o acadado por José Alberto Soutullo (10 voltas), seguido por Federico Lamas (10 voltas) e Fernando Díaz (10 voltas); mentres que na feminina o primeiro posto foi para Verónica Iglesias con 6 voltas.

Por outra banda, na categoría veteranos B masculina o mellor posto conseguino Marcos Montes (10 voltas), seguido por Jorge Abeal (10 voltas) e Dani Herraez (10 voltas). A veteranos C rematou con Manuel Dorrio (8 voltas) como gañador, con Óscar Silgueiros (8 voltas) e Enrique Tojo (8 voltas) no segundo e terceiro posto, respectivamente.

Clasificación Scratch

A clasificación da categoría scratch quedou co equipo Burgas Coluer Factory Team B no primeiro posto ao completar 11 voltas en 2h57:54.783, Kenta Team no segundo posto con 11 voltas completas en 2h57:59.529, o equipo amesá Os Esfola Arros Power no terceiro con 10 voltas en 2h44:01.701, Burgas Coluer Factory Team no cuarto con 10 en 2h45:59.884 e José Alberto Soutullo no quinto posto ao completar 10 voltas en 2h51:15.982.

A posición de cada participante nas distintas categoría determinouse en función do número de voltas realizadas dentro do tempo límite. No caso de que varios participantes completasen o mesmo número de voltas, considerouse vencedor ou vencedora a quen completase o maior número de voltas en menos tempo. Neste senso só se contaron como voltas completas as realizadas antes da finalización das tres horas da carreira.

Comentarios