Técnicos do GDR Mariña Betanzos visitaron proxectos do GDR Terras de Compostela

Técnicos do GDR Mariña Betanzos visitaron proxectos do GDR Terras de Compostela
Técnicos do GDR Mariña Betanzos visitaron proxectos do GDR Terras de Compostela

A visita foi para coñecer a rehabilitación da antiga estación de Santa Cruz de Rivadulla, en Vedra, e a escola unitaria de Calo, en Teo, que contaron co apoio do GDR Terras de Compostela

Técnicos do Grupo de Desenvolvemento Rural, GDR, Mariña Betanzos visitaron onte dous dos proxectos apoiados desde os seus homólogos do GDR Terras de Compostela.

Un coworking e un espazo colaborativo, en Vedra e Teo, serviron de exemplo da renovación de antigos edificios para novos usos. Neles os técnicos recibiron explicacións dos proxectos que alí se desenvolven e dos traballos de rehabilitación levados a cabo. Dúas modalidades de traballo que serven para dar unha nova vida ao medio rural.

Un coworking nunha estación de tren

En Vedra os técnicos visitaron a antiga estación de ferrocarril de Santa Cruz de Rivadulla. Os fondos Leader, xestionados a través do GDR, serviron para rehabilitar a contorna e converter un coche motor de RENFE nun novo equipamento coa última tecnoloxía. O novo equipamento destínase a un viveiro de empresas e coworking no que os emprendedores locais dispoñen dun lugar de traballo. A versatilidade do vagón permite que as asociacións do municipio teñan tamén aquí un oco para outro tipo de actividades.

O espazo dispón de Sala de reunións con capacidade mínima de 8 persoas; un espazo de traballo con capacidade mínima de 5 empresas e máxima de 10; e unha zona TIC con capacidade para 24 persoas. No transcurso da visita recibiron as explicacións do arquitecto encargado do proxecto Arquitecto Fermín González Branco.

Unha escola como espazo colaborativo

En Teo visitaron a antiga escola unitaria situada no lugar de Solláns, Calo. Neste caso a recuperación deste equipamento serviu para crear un espazo de traballo colaborativo que se destinará principalmente a emprendedores, autónomos e start ups. A concelleira responsable, Conchi García Vázquez, foi a encargada de comentar aos visitantes o proxecto.

Esta iniciativa promovida desde o concello de Teo conta cunha sala de traballo con capacidade para 20 persoas e unha sala de xuntas. Instalouse ademais unha cabina de gravación coa intención de impulsar proxectos audiovisuais.

Comentarios
Lo más