A Real Filharmonía de Galicia ofrece hoxe un concerto para nenos e familias que servirá para apoiar á Asociación de Empresas de Inserción de Galicia

A Real Filharmonía de Galicia ofrece hoxe un concerto para nenos e familias que servirá para apoiar á Asociación de Empresas de Inserción de Galicia
A Real Filharmonía de Galicia ofrece hoxe un concerto para nenos e familias que servirá para apoiar á Asociación de Empresas de Inserción de Galicia

As entradas custan 5 euros e cada menor de 14 anos recibirá dúas gratuítas se vai acompañado de dous adultos

A Real Filharmonía de Galicia celebra hoxe venres, 8 de febreiro, un novo concerto dentro do proxecto RFG Solidaria, centrado na colaboración con varias ONGs galegas e da cidade que loitan por diferentes causas. Este concerto familiar estará dedicado a visibilizar o traballo que realiza a Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (AEIGA).

A cita, que forma parte do ciclo Descubre unha orquestra para ti, a túa!, comezará ás 18:30 horas no Auditorio de Galicia. Este ciclo busca achegar a RFG e a música clásica a novos públicos. As entradas custan 5 euros e cada menor de 14 anos recibirá dúas gratuítas se vai acompañado de dous adultos.

Obras de Gershwin e Walton

O mestre Paul Daniel, director titular da Real Filharmonía de Galicia, levará a batuta neste concerto familiar e solidario. O público asistente terá a oportunidade de gozar coa abertura de Funny Face, do compositor estadounidense George Gershwin (1898-1937), recoñecido por elevar a comedia musical a unha forma de arte nos Estados Unidos. Este musical estreouse en Broadway no ano 1927, protagonizado por Fred Astaire. Na súa abertura predominan os ritmos latinos.

Os músicos achegarán ademais aos nenos e ás súas familias a Sinfonía nº 1 do británico William Walton (1902-1983). Considerada unha das obras cume da composición inglesa, ofrece unha música alternativamente bucólica, tempestuosa, épica e mesmo dramática.

A prol da inserción sociolaboral dos colectivos en risco de exclusión social

A Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (AEIGA) traballa no eido da inclusión sociolaboral dos colectivos en situación ou risco de exclusión social. Creouse no ano 1997 para traballar activamente na defensa dos intereses das empresas de inserción na comunidade galega.

Comentarios