ABANCA e Afundación presentan en Padrón a exposición fotográfica «Auga. O sangue da terra»

ABANCA e Afundación presentan en Padrón a exposición fotográfica «Auga. O sangue da terra»
ABANCA e Afundación presentan en Padrón a exposición fotográfica «Auga. O sangue da terra»

Inaugurarase hoxe venres 8 de febreiro, ás 19.30 h, no vestíbulo do Auditorio Municipal de Padrón

O vestíbulo do Auditorio Municipal de Padrón acollerá hoxe venres 8 de febreiro, ás 19.30 h, a inauguración da exposición fotográfica «Auga. O sangue da terra», de Manuel Valcárcel. Esta iniciativa é posible grazas á colaboración entre o Concello de Padrón, ABANCA e Afundación, institucións que estarán representadas no acto de inauguración polo alcalde, Antonio Fernández; o director de Banca Institucional de ABANCA na Coruña, José Manuel Vilariño; e a coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación, Paloma Vela.

A exposición «Auga. O sangue da terra» realiza un percorrido pola relación do ser humano coa auga mediante fotografías dos cinco continentes. Lugares tan remotos como Nova Celandia, India, China, Níxer, o deserto de Atacama ou a cunca do lugués río Lor foron fotografados por Manuel Valcárcel e recollidos neste proxecto expositivo que ten como obxectivo valorar a importancia da auga como elemento vital e amosar como inflúe a presenza ou ausencia da auga nas culturas, nas paisaxes e nos ecosistemas. Esta mostra, de entrada libre e gratuíta, poderase visitar ata o vindeiro 28 de febreiro, de luns a sábado en horario de 10.00 a 14.00 h e de 16.00 a 20.00 h.

Esta colaboración é parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.

Comentarios
Lo más