O IV Encontro de ContraMINAcción convocará na Galiza movementos contra a minaría destrutiva de toda a Península Ibérica

O IV Encontro de ContraMINAcción convocará na Galiza movementos contra a minaría destrutiva de toda a Península Ibérica

Celebrarase os días 16 e 17 de febreiro en Santiago de Compostela e participarán 14 asociacións e plataformas de España e Portugal que traballan contra os impactos sociais, económicos e ambientais da actividade mineira

A Rede contra a Minaría Destrutiva na Galiza ContraMINAcción1 está a organizar o seu IV Encontro, que se celebrará en Santiago de Compostela os días 16 e 17 de febreiro. Nesta cuarta edición, baixo o título “Impactos da minaría na Península Ibérica”, o evento transcende as fronteiras de Galiza ao invitar 14 organizacións e plataformas que se opoñen á actividade mineira en España e Portugal polas consecuencias negativas que esta ten no seu entorno2.

O IV Encontro de ContraMINAcción deseñou un programa de actividades abertas de acceso libre para toda persoa que queira participar. Así, durante a mañá do sábado 16 de febreiro, desenvolveranse tres mesas redondas no Museo do Pobo Galego: “Un regueiro de desastres contaminantes”, “Novo boom: a febre polo ouro e outras febres” e “Daquela que? Hai alternativas”. O domingo 17 de febreiro, asistiremos á estrea do documental “San Finx: a catástrofe de 1960”, dirixido por Irene Pin Basanta, que se proxectará na Casa do Matadoiro (praza do Matadoiro) a partir das 10:00 horas, tamén en Compostela.

Tecendo redes a nivel internacional contra a minaría

Un dos obxectivos principais deste evento será visibilizar as dimensións do boom mineiro na Península Ibérica e continuar a tecer redes entre os colectivos que se enfrontan á minaría insostible, destrutiva e produtora de refugallos dentro e fóra de Galiza. A causa do esgotamento progresivo dos recursos minerais do planeta e do crecemento exponencial do seu consumo, as prácticas mineiras están a ser cada vez máis agresivas co medio ambiente e os hábitats e sociedades afectadas. Isto está a implicar un aumento da sinistralidade, como demostran numerosos accidentes acontecidos nas últimas semanas como a rotura da balsa de lodos en Brumadinho, no Brasil; ou, en España, o derrubamento acontecido na mina Cobre Las Cruces, en Sevilla, que obrigou ao seu peche; ou o desbordamento das balsas residuais de Touro; feitos todos que se analizarán no encontro xunto coas invitadas e invitados. Trátase dunha problemática global que se está a agudizar cada vez máis e que, co ánimo de enfrontala con máis forza, xa propiciou, en anteriores encontros, a alianza dos colectivos que formamos parte de ContraMINAcción na Galiza con organizacións internacionais como Yes to Life No to Mining (YLNM). Agora, a través do IV Encontro agardamos poder reforzar esa rede a nivel peninsular.

Podedes seguir as nosas publicacións e debates en redes sociais a través do cancelo #ContraMINA2019

Comentarios
Lo más