O TSXG condena a Xunta a indemnizar aos accidentados nunha estrada de Pontevedra tras chocar cun xabarín

Foto de archivo
O TSXG condena a Xunta a indemnizar aos accidentados nunha estrada de Pontevedra tras chocar cun xabarín

O accidente de circulación foi o 26 de outubro de 2015 na estrada PO-205, no termo municipal de Silleda

A sección primeira da sala do Contencioso-administrativo do TSXG condenou a Xunta a indemnizar a dous ocupantes dun vehículo e a aseguradora con 38.800 euros polos danos persoais e materiais ocasionados nun accidente de circulación provocado por un xabarín o 26 de outubro de 2015 na estrada PO-205, no termo municipal de Silleda. O tribunal conclúe na sentenza que a Xunta debeu instalar sinalización que advertise do perigo que representaba “a frecuente presenza das especies que son obxecto de caza”.

O TSXG asegura que era “máis que previsible” a irrupción na estrada de animais soltos en liberdade porque está situada nas proximidades dun terreo cinexético no que teñen lugar batidas de xabarís. A sala, ademais, tivo en conta os sinistros derivados de atropelos de animais que se produciron na zona, pois en 2015 rexistráronse tres; e en 2012 e 2014, outros dous. A sala salienta que a Xunta incumpriu “os estándares mínimos de seguridade esixibles respecto aos usuarios da vía”.

O tribunal resalta que “non existe base algunha” para considerar ao condutor do automóbil corresponsable do accidente, pois “nin se menciona nin existe no expediente proba que demostre que conducía sen temperarse ás circunstancias de vía mollada e reducida visibilidade”. Como consecuencia, rexeita no fallo rebaixar o importe da indemnización.

Comentarios
Lo más