O Concello de Ames celebra o primeiro acto de constitución da súa Mesa de coordinación Intersectorial de Saúde

O Concello de Ames celebra o primeiro acto de constitución da súa Mesa de coordinación Intersectorial de Saúde
O Concello de Ames celebra o primeiro acto de constitución da súa Mesa de coordinación Intersectorial de Saúde

O obxectivo desta mesa é por en funcionamento unha estratexia unificada e transversal destinada a fomentar a saúde e o benestar de toda a veciñanza amesá, na que colaboren tanto os diversos departamentos do concello como os axentes educativos e de saúde

O Pazo da Peregrina acolleu o xoves o acto de constitución formal da Mesa de coordinación Intersectorial de Saúde do Concello de Ames. A esta primeira xuntanza acudiron o alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, a concelleira de Saúde e Servizos Sociais, Luísa Feijóo, a encargada de implementar a Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención no Sistema Nacional de Saúde, Rosalina Martínez, e representantes técnicos dos distintos departamentos municipais, así como representantes dos centros educativos e de saúde de Ames. O obxectivo desta mesa é por en funcionamento unha estratexia unificada e transversal destinada a fomentar a saúde e o benestar de toda a veciñanza amesá, na que colaboren tanto os diversos departamentos do concello como os axentes educativos e de saúde.

O rexedor de Ames, José Miñones, foi o encargado de abrir a reunión cunha presentación na que salientou o compromiso do goberno municipal de “facer de Ames un concello saudable”, para o que nos últimos anos se deron pasos como a adhesión do municipio á Rede de Cidades Saudables, a aprobación do regulamento para a constitución da mesa de coordinación intersectorial ao abeiro da Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención no Sistema Nacional de Saúde, e a celebración desta primeira xuntanza. A isto engádese a realización de diversas actividades enfocadas ao ámbito da saúde como andainas saudables, o programa Falemos de saúde, talleres para deixar o tabaco ou o programa de prevención de condutas aditivas no ámbito escolar, entre outras.

A continuación, tivo lugar unha breve rolda de presentación por parte dos asistentes, á que seguiu a intervención da concelleira de Saúde, Luísa Feijóo, explicou as tres bases da estratexia: a actividade física, os hábitos de alimentación saudable e a prevención de consumo; e reiterou e importancia que agrupar os esforzos para aumentar a efectividade deste traballo. De seguido, Rosalina Martínez, responsable da estratexia, pasou a explicar os puntos clave desta Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención no Sistema Nacional de Saúde.

Asemade, durante esta primeira reunión da mesa tanto os distintos representantes técnicos dos departamentos municipais como os voceiros dos centros de saúde e escolares puideron poñer en común as súas ideas e dúbidas, co fin de avanzar no desenvolvemento progresivo de intervencións destinadas a promover estilos de vida saudable, así como entornos e condutas seguras na poboación mediante a coordinación de intervencións integrais dende os diferentes ámbitos: sanitario, educativo, deportivo, etc. Tamén se realizou unha revisión do programa de saúde desenvolto por parte da Concellaría de Saúde en Ames nos últimos anos. Tamén se acordou a periodicidade das reunións da mesa e a creación de pequenos grupos de traballo que faciliten o traballo.

Así, esta mesa de coordinación intersectorial ten por obxecto levar a cabo accións para modificar os factores que determinan e condicionan negativamente a situación de saúde da poboación, ao tempo que desenvolve aqueles que inciden nela positivamente, para reducir as brechas de inequidad existentes, todo elo no marco da Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención no SNS. Deste xeito, o súa finalidade será contextualizar, desenvolver, realizar un seguimento e avaliar a implementación desta estratexia coordinando os esforzos de todos departamentos municipais e os axentes educativos e da saúde do concello.

Os membros da mesa intervirán en todas as fases de dita estratexia. As súas funcións pasarán por elaborar a Análise de Situación de Saúde Local, identificar proxectos conforme aos recursos dispoñibles, deseñar proxectos e programas de promoción da saúde, colaborar na execución das propostas, difundir as accións e resultados ou/ e participar das actividades de capacitación, vixilancia e avaliación previstas para a implementación da Estratexia.

Obxectivo principal desta Estratexia

O obxectivo principal desta Estratexia é fomentar a saúde e o benestar de todos os veciños e veciñas, para o que se busca promover estilos de vida saudable, así como entornos e condutas seguras na poboación mediante a coordinación de intervencións integrais dende os diferentes ámbitos: sanitario, educativo, etc. Tamén se aposta por impulsar o benestar emocional, o envellecemento activo e saudable na poboación maior de 50 anos e previr o deterioro funcional na poboación maior de 70 anos.

Trátase dunha actuación transversal que implica distintos departamentos municipais. Para iso é necesario ter un enfoque poboacional que vaia más alá das intervencións na área da saúde, así como levar a cabo actuacións transversais dende todos os departamentos municipais dirixidas sobre todo tres áreas de actuación: promoción da actividade física; promoción dunha alimentación saudable; e promoción dunha vida sen tabaco, alcohol e outras drogas. Para elo, terase en conta a poboación priorizando ao 19% da poboación de Ames, que ten entre 0-15 anos, e as persoas adultas, especialmente aos maiores de 50 anos, que representan o 27% da poboación; e os entornos existentes. Polo que resulta moi importante actuar de forma integral, actuando nas diferentes contornas vitais de cada poboación. Nas consultas de atención primaria débese achegar información e recursos que se poden usar dentro do concello, por iso hai que dispor dun mapa de recursos para a saúde da zona.

Comentarios
Lo más