O CGAC inaugura "Vestiges d’un ici, vestixios de si", un proxecto da artista Loreto Martínez Troncoso

O CGAC inaugura "Vestiges d’un ici, vestixios de si", un proxecto da artista Loreto Martínez Troncoso
O CGAC inaugura "Vestiges d’un ici, vestixios de si", un proxecto da artista Loreto Martínez Troncoso

A mostra, comisariada por Chus Martínez Domínguez, é un proxecto específico para as salas do dobre espazo e soto do Centro Galego de Arte Contemporánea

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, asistiu onte á inauguración da mostra Vestiges d’un ici, vestixios de si, un proxecto específico da artista Loreto Martínez Troncoso (Vigo, 1978) comisariado por Chus Martínez Domínguez para as salas do dobre espazo e soto do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). Esta exposición revisa a produción dunha das artistas máis interesantes e influentes da súa xeración, co obxecto de reler a súa práctica artística centralizada na performance e desenvolvida desde enfoques e disciplinas diversas.

O percorrido expositivo formúlase como pequenas accións no espazo simbólico e arquitectónico do museo onde as obras, no encontro dunhas con outras, son transformadas cara a outros sentidos. Aparecen ademais entrelazadas con pezas producida expresamente para o evento como a película Floresta. Trátase dun conxunto de obras que suman formatos e medios moi diferentes e no que destaca o traballo colaborativo con outros creadores e creadoras como a artista visual lituana Elena Narbutaité, que realiza a instalación específica de luz Light Crane e Blue Crane, a partir da localización das lámpadas orixinais de Siza, e a contribución do músico Ramón Souto, coa composición da ópera Euphoria.

Loreto Martínez Troncoso vén desenvolvendo nos últimos vinte anos unha práctica artística centrada na performance e realizada desde enfoques e espazos disciplinares moi diversos, pero sempre conectados pola linguaxe, xa sexa a través da palabra oral ou da palabra escrita, desde a cal crea diferentes situacións, realidades e actuacións.

Esta exposición, que se insire no programa anual de revisión de artistas de media carreira de Galicia que leva a cabo o CGAC desde 2016, invita á revisión do seu traballo, á relectura das súas obras basicamente inmateriais e interesadas no proceso; á incidencia do seu modo de traballar colaborativo, aberto, xunto ás implicacións das súas intervencións e, por extensión, das prácticas performativas no marco da institución museística. A mostra presenta elementos clave da súa produción como son a ficción, a construción narrativa e a acción como canal de coñecemento e pensamento.

A traxectoria da artista

Loreto Martínez Troncoso actualmente vive en Marsella, onde exerce como profesora deperformance e escritura en l'Ecole d'art et de design de Valence (Francia). Inicia os seus estudos artísticos na Facultade de Belas Artes de Pontevedra (UdVi) desde a que se traslada en 1999 á École supérieure des Beaux-Arts de Bordeaux (EBABX) e á École Nationale Supérieure des Beaux-Arts de Lyon, onde remata os seus estudos. Durante os anos posteriores, goza de varias bolsas de residencia en cidades como Budapest, Hendaya, San Sebastián, León, Porto, París ou Aix-en-Provence, entre outras.

Entre as súas exposicións e accións individuais destacamos as realizadas en Les Laboratoires d’Aubervilliers (París), Centro Georges Pompidou (París), Arteleku (San Sebastián), Fundação Serralves (Oporto), MARCO (Vigo), Centre d'art La Ferme du Buisson (Noisiel, Francia), Galería PM8 (Vigo) e a Igrexa San Domingos de Bonaval (Santiago de Compostela); ou as mostras colectivas Urbanitas (MARCO, Vigo, 2006), Arte e investigación 07 (Centro Cultural Montehermoso, Vitoria), El medio es el museo (MARCO, Vigo / Koldo Mitxelena, San Sebastián, 2008), El grito (MUSAC, 2011), Becas de creación artística en el extranjero Gas Natural Fenosa (MAC, A Coruña, 2015), ademais de actividades como obradoiros, publicacións, e outras colaboracións que son parte integrante de súa traxectoria artística.

Comentarios