A profesora María Jesús Giráldez Fernández tomou posesión como decana de Óptica e Optometría

A profesora María Jesús Giráldez Fernández tomou posesión como decana de Óptica e Optometría
A profesora María Jesús Giráldez Fernández tomou posesión como decana de Óptica e Optometría

O mandato da profesora Giráldez Fernández, iniciado xa durante 2018, proponse “seguir avanzando na consolidación da nosa Facultade”

A profesora María Jesús Giráldez Fernández tomou posesión este venres 8 do seu cargo como decana da Facultade de Óptica e Optometría nunha sesión protocolaria presidida polo reitor Antonio López na mesma Facultade. No acto tamén interveu a decana saínte Luz Gigirey Prieto e a secretaría xeral da USC Dulce García Mella.

O mandato da profesora Giráldez Fernández, iniciado xa durante 2018, proponse “seguir avanzando na consolidación da nosa Facultade”, subliñou a decana durante o acto de toma de posesión. Neste senso, sinalou de modo específico “a consolidación das titulacións que nela se imparten, o grao en Óptica e Optometría, o dobre grao en Farmacia e Óptica e Optometría e o mestrado en Optometría”, o que “implica traballar para que podamos alcanzar os máximos estándares de calidade na formación” dos futuros profesionais, aclarou. Mª Jesús Giráldez demandou o apoio do reitor para seguir avanzando na consolidación da optometría como ciencia e profesión, reto para que considera “necesaria a área específica a nivel estatal”.

Nos vindeiros anos, María Jesús Giráldez proponse traballar na recuperación, nas materias máis especializadas e profesionalizantes do grao en Óptica e Optometría, das horas de docencia clínica que neste momento se imparten como horas de seminario. Tamén considera necesaria “unha análise do estado do material docente e establecer criterios de priorización para a súa renovación” e promover o establecemento de convenios de mobilidade con universidades europeas e non europeas. O traballo nestes tres ámbitos irán dirixidos a solventar estas cuestións para obter un informe positivo na renovación da acreditación do centro.

A decana lembrou tamén que o grao en Óptica e Optometría é único no Sistema Universitario Galego e conta cunha alta taxa de ocupación laboral e moi baixa de paro, sendo a segunda no ránking de titulacións nas que o número de alumnado egresado ocupa un posto de traballo relacionado coa profesión.

Pola súa banda, o reitor Antonio López destacou o carácter desta facultade porque “sabe cara onde quere ir, cales son as súas opcións e pon afán para logralo”. Esta actitude permite avanzar cara outros obxectivos como, por exemplo, a súa vontade de cumprir cos estándares máis esixentes no plano da formación de profesionais. Nesta dimensión compartiu a preocupación da profesora Giráldez por poñer en valor o Servizo de Optometría, “peza esencial para a formación”, e avogou por buscar oportunidades que favorezan a súa sustentabilidade a través da formación permanente e a reciclaxe de profesionais.

No mesmo acto, a decana saínte, Luz Gigirey Prieto, destacou a súa gratitude co conxunto dos cadros docente e de administración, así como do estudantado da Facultade polo súa achega á consecución dos obxectivos propostos, “todo foi posible grazas ao traballo silencioso de todas as persoas que constitúen este centro”. A profesora Gigirey subliñou a súa experiencia á fronte da Facultade, como “un privilexio” do que agora se despedía “satisfeita e cansa”.

Tanto o reitor Antonio López como as profesores Giráldez e Gigirey coincidiron en salientar unha emotiva lembranza da figura do profesor Carlos Gómez-Reino pola súa vinculación e importancia na existencia na actualidade da Facultade de Ótica e Optometría.

Mª Jesús Giráldez

Diplomada en Óptica e Optometría e doutora pola Universidade Complutense de Madrid, desenvolve a súa actividade profesional como profesora titular da USC impartindo docencia de optometría, contactoloxía e en clínica optométrica. Ademais de decana e coordinadora do grao en Óptica e Optometría dende 2011. Con anterioridade foi subdirectora da Escola Universitaria de Óptica e Optometría da USC durante 8 anos entre finais de 2001 a inicios de 2010.

É membro do grupo de investigación de Optometría (GI-2092), con actividades de investigación, entre outros, en superficie ocular e lentes de contacto, e autora de numerosos artigos en revistas indexadas no JCR e de numerosos capítulos de libro e proceedings en congresos internacionais.

Comentarios
Lo más