O Concello de Ames asina o convenio de colaboración coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui

O Concello de Ames asina o convenio de colaboración coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui
O Concello de Ames asina o convenio de colaboración coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui

Mediante esta sinatura, o Concello comprométese a sufragar os billetes de avión das seis nenas e nenos que este verán, ao longo dos meses de xullo e agosto, serán acollidos por familias amesás

O alcalde de Ames, José Miñones, e a presidenta da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, María Teresa Isla, asinaron onte o convenio de colaboración que posibilita a participación de Ames no programa Vacacións en Paz 2019. Mediante esta sinatura, o Concello comprométese a sufragar os billetes de avión das seis nenas e nenos que este verán, ao longo dos meses de xullo e agosto, serán acollidos por familias amesás.

O convenio de colaboración tamén contempla a difusión do programa por parte do Concello, así como o desenvolvemento de labores de mediación entre as familias e a asociación, co fin de xestionar a estadía das nenas e nenos saharauís en Ames. No acto de sinatura tamén estiveron presentes a concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, o técnico municipal, Leonardo Pena, a representante a asociación na comarca, Esther Ibarra, e a secretaria de SOGAPS.

O programa “Vacacións en Paz” é un proxecto de acollida temporal de nenas e nenos saharauís durante os meses de xullo e agosto, co que se pretende que os cativos e cativas gocen dunha estadía agradable. Ao mesmo tempo, esta iniciativa contribúe a que os menores poidan escapar das altas temperaturas do verán nos campamentos de refuxiados e someterse a diversos exames médicos, inalcanzables na vida diaria que están obrigados a vivir en Tindouf. Este programa posúe un gran valor cultural para os nenos e nenas saharauís, españois e para as familias acolledoras.

Luísa Feijóo, concelleira de Servizos Sociais, manifesta o apoio do Concello a este programa, ao tempo que “animamos ás familias a participar, xa non só polo moito que estes nenos e nenas lles van aportan e lles van ensinar, tamén por darlles a posibilidade a uns cativos/as, que naceron no medio dun clima de guerra, de pasar unha estancia agradable, de poder escapar das elevadas temperaturas do verán nos campamentos, de ofrecerlles a posibilidade de coñecer formas distintas de vida, revisións médicas, etc. Estas familias non só influirán na súa formación, senón que contribuirán tamén a mellorar e potenciar a comunicación e o entendemento entre os pobos de España e o Pobo Saharauí.

VIII Cea solidaria co pobo saharauí

Un ano máis, SOGAPS organiza unha cea solidaria co obxectivo de sufragar o programa Vacacións en Paz. Así, a cea solidaria deste ano terá lugar este sábado, 9 de marzo, no restaurante compostelán Paz Nogueira a partir das 21.00 horas. Haberá un menú adulto de 27 euros e outro infantil de 17 euros. Ademais, tendo en conta o éxito da ambientación das ceas anteriores, tipo guateque anos 80 e anos 60, nesta ocasión a temática será a de noite dos Oscars baixo o lema ‘Benvidos a Hollywood’. Para asistir á cea, á que non é obrigatorio acudir disfrazado, pódese contactar con Esther Ybarra, voceira na zona de Sogaps, a través do número de teléfono 609 76 49 45 ou do enderezo de correo electrónico eybarra.sogaps@gmail.com.

Desta maneira, os fondos recadados con esta iniciativa, que acada a súa oitava edición, destínanse integramente ao financiamento dos billetes de avión das nenas e nenos saharauís que cada verán veñen a Galicia. O obxectivo é, coma sempre, que poidan viaxar o maior número posible de crianzas. O pasado verán, foron sete as nenas e nenos acollidos por familias amesás.

Comentarios