O Santiago Futsal gaña a domicilio ao líder

O Santiago Futsal gaña a domicilio ao líder
O Santiago Futsal gaña a domicilio ao líder

Santi Valladares avisou antes de iniciar a viaxe: “imos co obxectivo dos tres puntos”

O Santiago Futsal ía a Sevilla a xogar contra o Real Betis Futsal. Santi Valladares avisou antes de iniciar a viaxe: “imos co obxectivo dos tres puntos”. Os locais viñan de golear a Dimurol S. Tenerife e de colocarse como líderes na clasificación da segunda división da LNFS.

Chegou o día e por momentos o Pavillón de Martín pareceu Santa Isabel. Os máis de 100 desprazados da Pena Santi e das Escolas Deportivas Algar non pararon de animar en ningún momento, o que fixo que os santiagueses xogasen case como na casa.

Durante a primeira parte Cidao mantivo a portería a cero ata que un gran zapatazo de Everton en xogada de estratexia conseguiu desfacer o empate no minuto 15. Na outra portería, un gran Álex Pérez seguía facendo o seu traballo de forma impecable ata o descanso.

Co inicio da segunda parte, os locais asediaron a portería do Santiago Futsal a través de Borja Blanco e Rubén Cornejo, mesmo cun disparo á madeira. Os celestes mantiveron a compostura e Evertón volveu poñer distancia no marcador no minuto 27.

Pasaban os minutos e o Real Betis Futsal decidiu sacar ao seu quinto home. Os verdibrancos achegábanse e o tempo corría na súa contra. No minuto 38, Burrito remata un pase de Victor Arévalo e achega un pouco máis aos locais, aínda que non quedaba moito tempo para máis.

A estupenda defensa exposta polo Santiago Futsal fixo minguar as ocasións rivais ata que soou a bucina.

Comentarios
Lo más